sábado, 15 de junio de 2013

A cerdeira

 «Tamén aquí, en San Simón, ollando a vermella festa do solpor sobre do mar. Alí facede un furado, catro cuartas de fondo. E cuarta e media, todo o máis dúas, para o largo. Enriba da terra que tirastes deitade as miñas cinzas amodiño; pouco han armar que eu son cativo. Mesturade con coidado e agarimo terra e cinzas e enchede até arriba aquel buraco. Despois hai que pisar ben pisadiña, de arredor da cerdeira a terra toda. Un caldeiro de auga ben cumprido. Dade a volta e ídevos sen ollar atrás e sen saudade. Volvede no abril cando floreza.»


Xa van alá sete días dende que embarcaramos cara á Illa de San Simón para participar na entrega dos Premios Xerais, firme bastión no que se alicerzan as nosas letras a partires do fío das que xa foron. Aínda hoxe as escumas que deixou o noso rastro a bordo do Babuxa traen ata nós a memoria do acontecido naquela illa de lendas e historias, moitas delas nada favorables para o home. A beizón de desenvolver alí este acto nos últimos nove anos, dos trinta que se celebraron desta entrega, converte á illa nun altar máxico onde a festa e a palabra vólvense unha esperanza para as nosas letras e para o ser humano. No ronsel desa escuma sobre as augas da ría de Vigo agochánse as palabras de Xabier P. DoCampo, mantedor desta edición. É imposible non mirar atrás xa que coas súas palabras fixo que agromase nos presentes o amor á lingua e á escrita como xermolo dun futuro do que os máis novos deben turrar para rexenerar este hábitat convulso no que nos movemos. A cerdeira que medrará, a carón de buxos e ata árbores de pedra, como a de Manolo Paz, farao dende as cinzas do que será pasado grazas ao coidado dos que virán, para manter ben alto o facho da palabra. Na medida en que medren as súas pólas a metáfora irá deixando de selo para facerse realidade. Xabier P. DoCampo convocou bágoas e pel de galiña, e amosou o maxín da literatura como canle infinito, belisco da nosa conciencia para sermos parte dun feito común.
Nese ronsel, nun solpor de emocións, enguedellábanse tamén as palabras que aínda podiamos atopar sementadas pola illa adiante de Fina Casalderrey, noutro deses discursos que repousan no anaquel da historia destes premios, pero tamén na alma dos que o escoitaron ou leron. Aquela chuvia de prata aínda mantén fresca a terra da que agromará a cerdeira entre cuxos froitos xurdirán textos como os galardoados este ano; ‘O castañeiro de abril’ de Antonio Fraga, Premio Merlín, e ‘Cadeas’, de Xabier López, Premio de Novela. Novos sabores que engaiolarán aos lectores, a parte indispensable de todo este bulir de escritores, ideas, relatos e festas. A eles é cara onde todos temos que mirar porque deles depende que a cerdeira de Xabier P. DoCampo medre frondosa e chea de saúde. Os pais deixaremos nas mans dos nosos fillos as lecturas que os convertan en lectores fieis, a auga dese cubo ben cumprido; os autores teñen que seguir confiando no seu quefacer, por moitos ventos en contra que sopren; as editoriais resistir, e as institucións públicas, nin máis nin menos que cumprir co seu deber na defensa dunha lingua, favorecendo o seu desenvolvemento na sociedade e apoiando ao tempo o sistema literario.
Un vento feble acariñaba a nosa faciana alí, no medio da ría, mentres as sereas cos seus cantos agradecían a aposta polos gañadores, pero sobre todo polo seu labor. Non hai nada máis gratificante que saber valorar ese traballo. A min este ano tocáronme coa variña máxica do privilexio de formar parte do xurado do Premio de Novela. Manuel Bragado, Fran Alonso, Celia Torres e Helena Pérez, almas de Xerais, gábanse e énchennos de loanzas por formar parte de xeito gratuíto do xurado, o que eles non saben, polo menos no que a min respecta, é que fun quen de enganalos a todos e que cobrei, vaia que se cobrei, e ben cobrado. Levo varios días como un galo ben fermoso co peito colorado dicindo que formei parte do xurado dos Premios Xerais de Novela, e que elixín unha obra chea de bondades, un engaiolante xogo literario feito por un ventrílocuo, como ben dixo o compañeiro de xurado Iago Martínez, que nos leva por unha manchea de relatos para debater o propio concepto de novela. Pero é que, ademais, este fachendoso galo está ledo por formar parte da festa da literatura, da festa dunha terra na que medran as cerdeiras. 
Publicado Diario de Pontevedra, 15/06/2013.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada