domingo, 20 de enero de 2013

A necesidade da novela negra



Todo sistema literario que se prece de selo necesita ter a súa dose de novela negra. Os últimos tempos puxeron de moda este tipo de literatura, sobre todo pola chegada dos narradores nórdicos, que puxeron as librarías a rebentar de clientes que querían facerse coas súas novelas policiais. Pero dende os clásicos norteamericanos Raymond Chandler ou Dashiell Hammett, o certo é que esta literatura ten moitos seguidores fieis, ademais de ser unha necesaria andamiaxe para cada unha das literaturas do mundo. A escrita galega tamén acolle dende hai uns anos a un narrador que soubo collerlle o pulso a este tipo de narrativa e presentar ante nós as mellores novelas do xénero na nosa lingua. Diego Ameixeiras foi quen de voltar a mirada dos lectores galegos cara a este tipo de novelas, primeiro cunhas obras nas que o ambiente detectivesco afondaba na identidade galega con bastantes toques de humor, e que despois, co paso do tempo e a evidente mellora no oficio, foron dando paso a unhas novelas moito máis escuras e cunha densidade no traballo da configuración dos personaxes que incrementa a achega do autor á nosa literatura.
Aquela novela de 2009 na que se aprecia o cambio de rumbo, ‘Dime algo sucio’, mergullábase en temas como o da pederastia, unha porta que cruzar e da que xa é moi complexo volver. Pescudar nesa especie de miseria humana dende o feito literario preséntase como un desafío constante para o escritor, desafío do que xa será moi complexo tentar desfacerse. Chegados a este punto, e coa última novela de Diego Ameixeiras nas mans, ‘Todo Ok’ convértese na depuración dun estilo, eliminando moito do superfluo que adoitan ter este tipo de tramas, en moitos casos ao verse en exceso sometidas aos ditados das vendas. Nesta ocasión 131 páxinas son máis que suficientes para argallar unha novela fiel ao espírito do xénero e na que, debido a esa eliminación das distracións, se pode albiscar unha maior profundidade na achega dos personaxes, o que adoita ser un maior pulo da intensidade dramática e maior interese literario.
Cóntanos o autor a historia de Inés Landeira, unha muller involucrada nun delito de narcotráfico que tenta refacer a súa vida e evitar a entrada no cárcere. Estamos ante a historia duns protagonistas que fían as súas relacións en base ás desconfianzas e os medos, cunha xustiza que se move entre sombras, tan excesivas como perigosas, e da que penden os diferentes nomes que pasan por estas páxinas. As descricións son sobrias e amósanse cortantes, e semellan irse tallando nese anaco de madeira que son as vidas e os feitos que a cada un deses nomes lles depara a súa existencia nesta sociedade cada vez máis ameazadora para o ser humano. Faltos da esperanza no futuro, eses protagonistas deberán xogar a súa partida nun presente do que loitan por saír pero no que están obrigados a ficar. ‘Todo Ok’ parte dun suceso real que o autor fai seu para situar sobre nós esas desesperanzas carentes de enganos, tanto para os personaxes como para o propio lector. Agradécese esa elección por parte do autor, ese despoxar de ornamentos o que dificilmente pode telos. O narcotráfico é parte da historia de Galicia, aínda que non moitas veces é escollido como motivo para a creación a pesar que del se poidan recoller moi bos froitos, como é o caso, aínda que serva só como lacerante desculpa para situar aos seus protagonistas no fío dun barranco con faciana de home. Seres que poden caer ao mar en pago dun tributo polos seus feitos, débeda da que aínda que tentes fuxir sempre terás unha conta pendente e cuns intereses maiores se con quen negocias carece dos menores escrúpulos. Outra das xogadas erradas que se poden dar nas nosas vidas.
Con ‘Todo Ok’ Diego Ameixeiras enfía a plena madurez da súa obra á que deberemos seguir atentos para que os seus vindeiros relatos policiais nos sigan engaiolando e formen parte esencial da nosa formulación literaria. Unha forza que non debemos perder, como eses rincóns escuros e poucos iluminados, que son sempre tan necesarios para unha literatura. Polo de agora ‘Todo Ok’.


Publicado en Diario de Pontevedra 20/01/2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario