jueves, 15 de noviembre de 2012

A vida inscrita nunha espiral

Sempre é unha boa nova para a literatura galega a saída á luz dunha nova novela de Manuel Rivas. O seu tirón mediático é un pulo para o eido editorial, así como para os seus miles de lectores, que sempren esperan gozar da súa escrita. Agora,  todos eles, todos nós, estamos de noraboa. ‘As voces baixas’ recupera ao mellor Manuel Rivas, capaz de falarnos ao oído dende ese senso da oralidade, é dicir, o trasfondo da nosa tradición narrativa agora inscrita na súa propia vida chea de descubrimentos e de ledicias, pero tamén de dores e ausencias.


Cada vez teño máis claro que un escritor ofrece o mellor de si mesmo cando se refuxia na súa propia vida, cando escarva nesa especie de espiral íntima que é a existencia de cada un. Ocorreume cos mellores libros que teño lido, ou polo menos cos que eu máis gocei do feito literario nos últimos tempos. Cando Paul Auster pon ante nós o seu ‘Diario de Invierno’ ou cando Marcos Giralt Torrent se abre en canal en ‘Tiempo de vida’, estamos ante un afianzamento desa relación que se debe establecer sempre entre o escritor e o seu lector. Fronte a fronte, sen ficcións ou distraccións que nos poidan despistar daquilo que é o feito singular da literatura, a capacidade de narrar, de contar historias como xa facía o home primitivo nas súas cavernas mentres a sombra do seu corpo, alentada polo lume que o protexía do frío, xogaba polas paredes co valor da palabra.
Manuel Rivas, tras varias novelas que camiñaron por diferentes territorios, regresa a ese refuxio que sempre é a cova da vida, onde as sombras, moitas veces sinistras se afunde cos sorrisos que normalmente xorden da convivencia grupal. Dese xeito, Manuel Rivas percorre coa palabra ese circo concéntrico labrado na nosa mente e tamén na nosa historia. Esas superficies graníticas onde un grande escritor ergueu o primeiro gran relato galego. Unha liña na que Manuel Rivas  sustentou moito do seu propio eu persoal e literario, que agora se enfrontan nun relato engaiolante e que amosa o seu gran talento para a escrita, algo que xa sabemos todos e ninguén dubida nunca. Ao que me refiro é a que neste tipo de narracións é onde máis brilla o noso escritor, nesa escolma da memoria, a tradición e hasta o anecdótico é onde Manuel Rivas se erixe como un grande escritor. Dende aqueles relatos que compuxeron ‘Que me queres amor’ ou a emblemática ‘En salvaxe compaña’ ata estas ‘As voces baixas’ percorremos esa capacidade do relato oral para situarnos ante as nosas propias sombras a partires da experiencia persoal do autor.
Nesta obra todo empeza e case que remata no barrio de Monte Alto, fronte á Torre de Hércules, fito da memoria, e ante o Atlántico embravecido, de escumas, naufraxios e lendas. Alí se criou o rapaz, e foi descubrindo as personalidades dos compoñentes da súa familia, pero tamén o medo co que comeza o libro, os medos infantís, inocentes e ata agarimosos. Outros medos serán os que o pechen, os medos da ausencia, da perda do que tanto se quere, como  unha irmá, figura arredor da cal xira este libro escrito con vocación de continuidade. Entre ambos medos é por onde se van destilando as experiencias que acompañan ao crecemento do individuo, a configuración da persoa e esa maravillosa sensación do descubrimento, de ir abrindo portas nas que se agochan os diferentes capítulos das nosas vidas. Os primeiros poemas, a natureza, a música, os consellos dos maiores, as miradas, a escola,  os mestres, o Instituto, o achegamento ao oficio de escritor dende o xornalismo... os alicerces de toda unha vida forxados naquel ‘paraíso inquedo’ da nenez e a mocidade.
Un percorrido onde agroman os contos e as lendas que sementan ao noso pobo, e aos que Manuel Rivas sempre prestou especial atención sabendo que esa é a mellor argamasa para ir reforzando as paredes dese labirinto que, como a figura máxica dos petróglifos, é no que se afunde a nosa personalidade.
Dende aquela xeografía física da barriada coruñesa chea de compoñentes míticas é dende a que imos escoitando esas ‘voces baixas’, rede do que vai vir, para converterse na xeografía dun home na que podemos ir palpando as fendas que todo camiño deixa na pel. Unhas boas, outras atroces, pero todas elas formando parte desa experiencia que é a vida. Porque este é un libro cheo de vida, un latexo permanente que xira arredor desa sensación que é o vivir con todo o que supón, e máis aínda se o que a conta o fai en primeira persoa. Ese eu individual vaise estendendo a todos nós que; ao mesmo tempo que o autor, imos tamén abrindo as diferentes portas das nosas vidas. É certo que a lectura deste libro ten moito de terapia e ata de excarcelación de medos e desacougos, xa que permite unha reflexión sobre as nosas vidas. Un mérito do autor que fai traspasar ata nós esas páxinas para que escribamos as nosas.
Alí, acubillado no totémico faro galego, emerxe a figura de Manuel Rivas para converterse nese narrador clave na nosa escrita. Cos oídos ben abertos escoita esas ‘voces baixas’ que trae o rolar do vento para ser fixadas nas páxinas que conxelan o tempo. Alí inscribiranse como fixo aquel home na prehistoria na pedra, unha liña que, como unha serpe, se encolle en si mesma para facer un relato. O gran milagre na vida do ser humano e a súa relación coa comunidade, o de contar historias, o de deixarnos coa boca aberta mentres escoitamos ao gran chamán falando daquilo que acontece ao noso arredor. Palabras que se van amoreando nunha pila que nunca debe ser queimada. Xa sabemos que os libros arden mal, e por iso, o pasar de boca en boca, o que se transmite a través da voz, será a salvagarda da nosa propia existencia. Manuel Rivas deixa así fixadas as súas primeiras 'voces baixas'. Esperemos non tardar moito en volver a escoitalas.

Publicada en Diario de Pontevedra 11/11/2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario