martes, 13 de noviembre de 2012

A balea negra. Dez anos despois…

Aquel mes de novembro de 2002 quedou xa para sempre fixado na historia de Galicia. Un vello barco á deriva ennegreceu as nosas costas e as nosas almas co chapapote que, como o vómito dunha balea maldita, xurdiu do seu interior. Pero aquel mes de novembro deixounos tamén unha boa nova, como é sempre que un espazo cultural abre as súas portas. Foi na rúa do Príncipe e aquela antiga cárcere converteuse nun museo moi atento ás dinámicas da arte contemporánea. Dez anos despois ambas situacións vólvense a achegar coa arte como testemuña.


13 de novembro de 2002. A prensa está convocada para asistir a un percorrido a cargo de Antón Castro, comisario da exposición ‘Atlántica’, a unha mostra que servirá para inaugurar o MARCO. Mentres percorremos as novas salas da que fora unha antiga prisión entre as cores de Menchu Lamas, Antón Patiño, Manuel Moldes e demais compoñentes daquel grupo que renovou a nosa dimensión artística, fóra, un temporal mollaba as rúas viguesas ao tempo que enchía de follas o chan. Unha chuvia e un vento que non parecían diferentes a tantos e tantos temporais dos nosos outonos. De volta as redaccións comenzaron a chegar noticias dun barco á deriva. O seu nome ‘Prestige’. Aquel día comezaba a escribirse unha dobre historia. A que viña dada pola felicidade que supoñía a creación dun novo espazo artístico, e a tristura daquel episodio que converteu a aquel vello petroleiro e o seu afundimento, seis días despois, nun dos fitos da nosa historia recente.
É posible que nada volvese a ser igual na nosa terra dende aquel mes de novembro. Un movemento de indignación sacudiu almas e conciencias, e Galicia espertou dun longo soño de brazos cruzados. Unha marea branca de voluntarios tentaba frear aquel viscoso elemento que teñía de negro as nosas costas. Branco sobre negro creouse, como nun taboleiro de xadrez, un novo territorio identitario do noso pobo, rebelde e cívico. Agora, cando ambas novas cumpren dez anos, o MARCO acubíllase nunha das facianas que pode amosar a arte contemporánea como é a reflexión sobre un feito, e a súa visibilización dende o maxín de diferentes creadores. Pedro del Llano comisaría esta exposición que enche a planta baixa do MARCO para xerar un territorio de sensacións, como si se enchesen as casillas dese taboleiro a través das percepcións e as pegadas que en artistas de todo o mundo deixaron aqueles acontecementos. Ata 33 creadores ou colectivos foron quen de achegarnos esas interpretacións, entre eles os galegos Alberte Pagán, Manuel Sendón, Antón Patiño ou Xurxo Lobato. Percorrer cada unha das salas supón volver a vivir aquelas xornadas, aqueles pesadelos que anunciara o visionario Man de Camelle, víctima mortal daqueles feitos, coa presenza desa balea negra que lle serve de título á mostra. A historia dos feitos mediante diferentes publicacións pon en relación o sucedido con outros acontecementos similares que aconteceron neste baile macabro de buques petroleiros polas nosas costas, para pasar a enfrontarse directamente coas visións dos protagonistas que, dende diferentes culturas ou xeografías, poñen en valor o papel desa mercancía emblemática do noso tempo como visualización do progreso, a globalización, as guerras, a mercantilización do noso sistema social ou a explotación indiscriminada da natureza.
A ninguén dos que vivimos aqueles días lles pode resultar alleo o que se amosa, dez anos despois daquela mañá de chuvia onde as cores de ‘Atlántica’ foron engulidos por una balea negra.



Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 11/11/2012
Fotografías cedidas por MARCO. Obras de Mark Dion e Hans Haacke

No hay comentarios:

Publicar un comentario