domingo, 14 de octubre de 2012

Na campaña

Por que as conserveiras son sempre obxectivo de visita dos políticos? Por que as redes sociais se enchen de políticos que ao longo do ano non se volven achegar a un ordenador? Por que as garavatas, os que a levan, dos candidatos á presidencia da Xunta nos debates de televisión son sempre azuis? Que forzas telúricas permiten a Beiras debater mentalmente co resto dos candidatos? Cantos votos pensa acadar o BNG coa inclusión no seu programa da prohibición das corridas de touros en Galicia? E cantos perder? Que lle botou Pachi Vázquez no café a Abel Caballero para que se comporte como un socialista razonable durante a campaña? Que pensaría Xosé Cuíña das cousas que lle saen pola boca ao seu fillo Rafa Cuíña nos seus mitins de Compromiso por Galicia? Cantas xeracións tardaremos en pedir os xurelos en inglés cando vaiamos ao mercado? Por que Dolores de Cospedal paseou por Pontevedra despoxada de mantilla e peineta? Que sentido ten o gasto de seguir recibindo as papeletas de voto nas nosas casas cando o domingo estarán á nosa disposición no colexio electoral? Alguén coñece unha persoa á que chamaran dalgún xornal para participar nunha sondaxe electoral? Quen no PP pensou que ese formato de tres noites de debates electorais podería beneficiar ao seu partido? Que carallo é o voto útil?
 
 
Publicado en Diario de Pontevedra 13/10/2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario