viernes, 5 de octubre de 2012

A figuración como argumento

Na segunda edición destes encontros pictóricos baixo o título de ‘Na beira do río. Diálogos na pintura’, enfróntanse as obras de Teresa Brutcher (Phoenix, 1955) e Ana Seoane (A Coruña, 1981) nas salas do Pazo da Cultura. Unha cita que busca atrapar unha serie de imaxes no canle deste Lérez, empregado como xeito de unión coa súa corrente da cidadanía coa cultura. Dúas formas de entender o feito pictórico, moi diferentes ao responder a tempos biográficos alleos, pero tamén a xeografías, experiencias, estudos ou vivencias moi afastadas entre si.

Se ten un xeito de falar un artista ese debe ser o que amosa a súa obra. E se falamos da pintura, desa gran arte visual da historia, os artistas convidados a amosar a súa experiencia nesta cita farano a partir das súas pezas. Teresa Brutcher e Ana Seoane enfrontan dende esta perspectiva dialéctica das súas obras a posibilidade de reflexionar a partir dunha aposta común: a figura. O argumento necesario para darlle soporte a un tipo de expresión moi diferente entre si e que responde ás circunstancias que lle son propias a dúas artistas pertencentes a dúas xeneracións moi alonxadas.
Cando se percorren as salas de exposicións do Pazo da Cultura vemos como a figuración pode expresarse dun xeito tan distinto como enriquecedor dende esa aparente distancia. A forza e contundencia das figuras de Teresa Brutcher parece esvaecer ante a sinxeleza das figuras que Ana Seoane sustenta nos brancos dos seus cadros. Unhas atmosferas que xogan a un equilibro entre elas que incluso se desenvolven polas propias paredes do Pazo. Hai figuras que foxen dos propios marcos para facer a súa propia brincadeira nun espazo moito más amplo.
Estruturada en catro grandes ambientes, un que busca a aposta en común, os dous seguintes onde cada creadora configura a súa propia mostra individual, e, o remate, onde a obra de ambas volve a aproximarse. Polo camiño podemos sentirnos abraiados polo realismo extremo das pezas de Teresa Brutcher, por como nas súas obras a realidade énchese de fermosas metáforas, de detalles cheos de humor, de xogos case surrealistas que van engrandecendo a forma de pintar desta americana que un día chegou a Poio e nunca máis foi quen de marchar. Cadros que podemos ver de ben lonxe, mentres que se queremos mergullarnos por completo no mundo de Ana Seoane temos que achegarnos ás súas figuras para descubrir unha serie de relacións entre elas, pero tamén de soidades, e todo nun espazo que nega calquera referencia.

Figuras
No primeiro dos espazos que artellan a exposición, na zona de entrada á mesma, o diálogo entre Teresa Brutcher e Ana Seoane fluidifícase a través do encontro directo das obras das dúas creadoras. Alí nos atopamos coas inseguridades das figuras que a primeira delas empraza en estraños equilibiros, dentro duns cadros que agochan moitas sorpresas a través dos xogos internos da obra, fendas que se abren e parecen atravesar o lenzo, un realismo que intenta ser irreal. Dúbidas que nos atrapan na súa propia dinámica formal. Ao seu carón Ana Seoane comeza a sementar a exposición cos seus seres, uns personaxes que para nós poden ser anónimos, pero que soen ter para a artista algunha anclaxe coa realidade. Seres individuais, formando pequenos grupos ou en relación con outros grupos maiores son os que se espallan non só no espazo da sala, senón tamén na superficie da propia obra. Chea de baleiros, sen referencias espaciais, as preocupacións amosadas por Ana Seoane na súa formación artística, e que agora se traslada á docencia que imparte en relación á escenografía, materialízase neste conxunto, onde a importancia está na disposición da figura no espazo e a súa relación co baleiro, con esa infinitude desconcertante.
No resto das salas a exposición amosa un senso máis individualizado, co traballo de cada unha das artistas no seu propio espazo. É entón cando Teresa Brutcher amosa moitas das súas preocupacións en canto ao ser humano, sempre cun reloxo na man, ese tempo que fai que os nosos corpos, novos e fermosos, aparezan envellecidos, onde a luxuria parece ser substituída pola resignación da persoa. Pero tamén hai espazo para a reflexión sobre a condena, o medo ou o abandono. En definitiva, sobre unha vida sempre presente na súa obra. E de novo volvemos a atopar eses engaiolantes baleiros, onde unha sinxela figura se converte na ‘bretchtiana’ protagonista do facer de Ana Seoane.




Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 30/09/2012
Fotografías: Alba Sotelo

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada