martes, 21 de agosto de 2012

A lousa das patrias

A nova novela de Xesús constela, ‘15.724’ é unha importante achega á nosa literatura feita cunha valentía tan inusual como engaiolante para o lector.

Un país chantado no lombo dunha ave, un Libro dos Protocolos onde se establecen as leis dese país, un caudillo ao que o pobo rinde cego obedecemento e cunha prensa seguidista que marcará de preto as actitudes dos cidadáns. Así se vai edificando de xeito literario toda unha metáfora sobre moitas das realidades que acontecen nos nosos tempos.
Xesús Constela da un paso adiante na nosa narrativa con esta novela que atrapa a un lector indefenso ante a sucesión de acontecementos que suceden entre as súas páxinas. Unha vez que asimilamos a proposta, a dunha patria situada no lombo dunha ave, achegámonos a coñecer a realidade dunha historia dura e chea de aristas, moitas delas afiadas que fenden no corpo dos protagonistas sometidos ás leis dun país non tan alonxado dalgún dos que podemos ver aínda hoxe nalgúns paises deste mundo noso.
A historia dunha familia, centrada na relación entre dous irmáns, é a forza motriz desta novela disimulada como un libro de ciencia ficción que desemboca nunha confluencia de lecturas chea de virtuosismo polo escritor e de dúbidas para o lector. E é que Xesús Constela manexa de xeito audaz esa vertiente do fantástico e do real, dese mundo no que nos adentra o autor e do que chegamos a saber a súa realidade ao mesmo tempo que o protagonista nunhas páxinas finais abraiantes pola súa construción e que deixan ao libro no seu remate nun punto álxido. Ese punto que converte á lectura nalgo maravilloso e que te vai acompañar aínda durante varias xornadas nas que a túa mente aínda repousa nese lombo onde unha serie de seres vense sometidos por un sistema político que controla todos os seus actos, cunha prensa afín a ese réxime que vai pautando as conductas dos seus habitantes.
So cando a narración empurra ao home rebelde, que se enfronta ao sistema, tendo que fuxir cara o exterior é cando outra paisaxe se abre ante nós e cando descubrimos os alicerces dese país no que Samuel R. o irmán xemelgo de Gordo, debe loitar pola defensa do seu irmán ante unha grave acusación. Como avogado terá que loitar contra un sistema con escasas garantías na defensa do ser humano, da súa inocencia e coa aplicación da pena de morte como forma dunha xustiza da que é moi complicado evadirse, máis aínda cando son moitas as opinións que se verten contra o reo, buscando a condea e a satisfacción popular. Samuel convertirase nunha sorte de heroe, que debe compatibilizar o seu destino no conxunto da sociedade coa redención dentro do seu ámbito familiar. Os achádegos que cara o final do libro vai ir atopando o protagonista vanlle ir abrindo os ollos, ao mesmo tempo que a un lector xa identificando de cheo con ese home e as súas circunstancias. Unhas circunstancias das que non é libre posuidor Samuel, senón que se atopa a mercede das liñas perfiladas dende a xerarquía dese país no que nos seus límites vaise atopar a resposta a moitas das dúbidas que o escritor vai xenerando ao longo da narración.
E é que estamos ante un libro de límites, de ata onde pode chegar un goberno na dirección do seu país: ata onde as leis xogan a favor do cidadán, ata onde debe chegar a prensa ou cal debe ser a súa verdadeira función, e ata onde debe chegar un ser humano para defender a súa liberdade e integridade. Nese límite xoga Xesús Constela para argallar unha novela que ten como título un número. Un díxito que cando chegamos a el no libro, entendemos o porqué de moitas cousas, para poder seguir lendo unha narración tan xenerosa co lector como coa nosa literatura á que aporta unha novela de longas dimensións creativas.

Publicado en Diario de Pontevedra 18/08/2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario