sábado, 12 de mayo de 2012

Sobral


Ondas que se achegan paseniño ata a area. Escuma que durante uns segundos se converte no pouso salgado do mar. Ao mar cantaba o poeta e no mar acouga o seu espírito o pintor. Ruxerruxe no que afondar os pinceis, no que chafallar para artellar un cadro e abrir unha fiestra á natureza pero, sobre todo, abrila a un mesmo. Baixo un chapeu convértese no capitán do seu navío. Velas enchidas polo maxín e as cores estourando a babor ou estribor. Unha travesía de sesenta anos que aínda non quere atracar nun apracible porto. Son moitas as tormentas coas que bater, moitos os ceos cos que abraiarse e moitas ondas nas que abanearse para achegarse a ese cadro tantas veces soñado, que é o mesmo que dicir ese cadro que sempre está por facer. Cara o horizonte seguirá navegando Antón Sobral, cara esa liña que en cada un dos seus cadros divide o visible do invisible, o coñecido do descoñecido. Ata alí vaise achegando, deixando ás súas costas un rastro sentimental. Bitácora dunha memoria de arte e poesía, de lerias e proxectos, pero sobre todo, de actitudes, xestos, apoios e confianzas. Oh, capitán, meu capitán! Facede soar as campás, izade as bandeiras! De novo a escuma chega ata a praia. Á súa retirada, unhas pegadas pérdense ao longo da costa. Son as pegadas do pintor. As pegadas do Océano Sobral.

Publicado en Diario de Pontevedra 12/05/2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada