sábado, 19 de mayo de 2012

CITA


Saio da escuridade dos tempos que nos plantexa a visita ao CITA. Fóra dela a luz do día faime pensar no necesario que é que estes pequenos puntos de atención á nosa historia se manteñan en pé. Este recuncho, artellado no antigo foxo do Pazo Arcebispal, lévanos nunha viaxe á historia da cidade, ou o que é o mesmo, a unha viaxe cara nós mesmos. Un acerto polos seus creadores e unha honra para os seus mantedores. Agora que chega o verán serán moitos os forasteiros que fagan ese percorrido para coñecer como xurdiu esta cidade, e como honramos esa historia coa apertura deste centro que plantexa a historia e o turismo como fonte de recursos. Baixo por Arcebispo Malvar e a carón da ponte do Burgo láiome ao pensar o que se vai agochar case de xeito definitivo, un proxecto que permitiría que medrase de xeito exponencial ese orgullo de Pontevedra polas súas pedras, é dicir, pola súa alma. Ese Museo da Historia, afundido pola merda dunha crise que desbota cartos en axudar a bancos mal xestionados, non tivo sorte na data do seu nacemento. Con só unha ‘esmola’ dos poderosos se permitiría a Pontevedra ter un novo pasaporte cara o pasado, un tesouro que volveremos a soterrar á espera de que mellores tempos recoñezan o seu valor. O medo, o gran triunfador desta crise, volve a saír coa súa. Unha mágoa.


Publicado en Diario de Pontevedra 19/05/2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario