jueves, 12 de abril de 2012

Arte con pasaporte pontevedrés


Din que non hai unha soa Galicia, senón tantas como galegos hai espallados polo mundo. A nosa arte non podía ser allea a esa circunstancia e así é como son moitos os artistas que dun xeito ou doutro deixaron e deixan a súa pegada en diferentes países. Xeografías que xa son un pouco nosas grazas a labor de todos eles. Sirva este percorrido pola obra dalgúns creadores pontevedreses, que levaron a nosa terra alí a onde a vida os levou, para honrar o traballo de moitos outros que  construíron un patrimonio que, pese a distancia, é parte do noso acervo cultural.
[repOrtaxe] A pegada pontevedresa espállase por moitos puntos do planeta. O noso xen migratorio afúndese tamén no ámbito da creatividade e traza así un percorrido desde Bos Aires ata Porto Rico ou desde o Xapón ata Río de Xaneiro

Poucos embaixadores máis poderosos pode amosar un pobo que os seus artistas. Homes e mulleres que desde o ámbito da creación levan parte do que somos polo mundo adiante. Un patrimonio que nos representa en numerosos países ata os que, por uns motivos ou por outros, se achegaron os creadores galegos. A condición de terra de emigrantes é un pulo máis para abordar esta situación. Moitas veces os nosos artistas deberon fuxir na procura dun ambiente máis propicio para amosar as súas virtudes, para desenvolver as súas linguaxes plásticas, pero para levalo a cabo nunca deixaron de lado a súa terra. En moitos casos foi todo o contrario, e esa distancia converteuse nunha sorte de saudade que multiplicou os efectos da súa creatividade.
Outra importante liña de traballo neste eido foi a dos artistas galegos que tiveron que fuxir tras a Guerra Civil, a maior parte deles cara América, sementando así, alén do Atlántico, aquela terra de pezas moi vencelladas a Galicia. Desde Bos Aires ata Nueva York, os artistas galegos buscaron o seu espazo, o lugar onde producir as súas obras tras fuxir dos efectos do alzamento. Creouse así unha forte ligazón entre estas dúas orelas atlánticas, que durante os últimos tempos propiciou unha mirada a cargo de diferentes institucións que levou consigo a materialización deste feito en importantes exposicións e estudos.

Así, o MARCO de Vigo artellou unha máis que interesante mostra comisariada por Carlos L. Bernárdez. ‘Dez artistas galegos no exilio latinoamericano (1930-1970)’ na que se estudaba e visualizaba o traballo de moitos dos que tiveron que fuxir cara alí. A Bienal de Pontevedra, en dúas das súas últimas edicións tamén puxo en valor este feito, a última delas baixo o comisariado de Santiago Olmo, ‘Utrópicos’, propoñía o diálogo entre artistas das dúas beiras atlánticas, mantendo unha parte da exposición adicada a aqueles que  ata alí foron e dos que o Museo de Pontevedra, sede deste evento artístico, e fiel custodio: Castelao, Arturo Souto ou Colmeiro, por citar a varios dos nomes de ascendencia pontevedresa.
Tamén na edición número 29 da Bienal de Arte, e co comisariado de Victoria Noorthoorn, se puxo o ollo no Cono Sur con Arxentina, Chile e Uruguai como espazos de reflexión, precisamente como varios dos lugares onde máis fonda foi a nosa pegada.

Co estoupido da Guerra Civil foron moitos os artistas que fuxiron cara diferentes xeografías. Desde Nueva York, ata onde foi Castelao nun primeiro momento para rematar en Bos Aires, a onde tamén foi Manuel Colmeiro, chegando máis tarde Laxeiro; ata Arturo Souto que se dirixiu a México, ou Ángel Botello, artista que naceu en Cangas, e que se instalou en Porto Rico tras pasar por varios países do Caribe. Foise así creando unha fonda rede de artistas procedentes da nosa provincia que foi colonizando todo aquel territorio ao que a nosa terra estaba tan próxima por cuestións do idioma, así como polos movimentos migratorios de tanta importancia naquelas primeiras décadas do século pasado. Non son, polo tanto, poucas as pegadas que éstes deixaron naquelas latitudes, sendo moitos os museos e institucións, ademais de coleccións privadas, as que agochan este tipo de pezas de orixe pontevedresa. Polo seu especial e dinámico ambiente cultural Bos Aires converteuse no gran referente. Alí confluíron pintores ou escritores como Castelao, Rafael Dieste, Colmeiro, Arturo Cuadrado, sendo na capital arxentina onde se atopan o maior número de pezas, tanto en espazos públicos como teatros ou en institucións como o Centro Galego de Bos Aires, onde hai unha extraordinaria colección de artistas como Castelao, Laxeiro, Colmeiro, xunto a outros referentes da arte galega como Álvarez de Sotomayor, Isaac Díaz Pardo ou Luis Seoane.


Nun tempo intermedio, entre aquelas décadas de posguerra e os nosos tempos actuais, hai que deterse en dous nomes nacidos en Pontevedra: o recentemente falecido Leopoldo Nóvoa e Jorge Castillo. Ámbolos dous, os grandes fachos da creación que alumearon a nosa cidade polo mundo adiante. Leopoldo Nóvoa instalarase en Montevideo, lugar no que comenzará a atisbar o seu proxecto artístico, que, naquel país quedará xa para sempre reflectido nunha espectacular obra: o ‘Mural do Cerro’ (1962-1964), unha peza desas que definen o que será a traxectoria dun artista case máis que falar do que andaba a facer naquel momento Leopoldo Nóvoa. A volumetría, os xogos da luz, a incorporación de diferentes elementos á superficie de traballo e ata un berro de denuncia sobre a sociedade, forman parte desta monumental peza, tanto no seu tamaño como na súa achega formal. A importancia da súa obra futura, e a súa longa estadía en París, fixeron que cidades como París, Dublín, Ginebra ou Berkeley teñan pezas do gran artista nado en Salcedo.
Jorge Castillo, pola súa banda, marcha coa súa familia exiliada a Buenos Aires, onde comenzará a súa andaina creativa, tras un paso por Madrid, onde entrará en contacto con pintores tamén se pon en relación con xente do cine, como Juan Antonio Bardem. Comeza a expoñer e a súa movilidade por Barcelona ou París vai cimentando unha personalidade moi prolífica no artístico desde diferentes territorios creativos. Ginebra, Berlín, Italia... Jorge Castillo vai deixando a súa pegada en todos eses lugares ata que, a finais dos setenta, se instala en Nueva York sendo moi ben recibido por diferentes coleccionistas americanos que impulsaron de forma decisiva a presenza da súa obra en institucións e coleccións.
Tanto Leopoldo Nóvoa como Jorge Castillo son un pouco unha especie de enganche de dous tempos. A longa vida de ambos solápase entre aquela xeración de posguerra e os nomes que hoxe están a ser os protagonistas dese arte con pasaporte pontevedrés: escultores como Francisco Leiro ou Fernando Casás, pintores como Antón Lamazares, Darío Basso e arquitectos como César Portela, son parte daqueles que manteñen ben alto ese facho de creatividade que xorde nestas Rías Baixas, berce da exportación artística en Galicia.


Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 08/04/2012
Imágenes. Altar del Cementerio de Chacarita en Buenos Aires de Asorey, Mural en Galerías Pacífico en Buenos Aires de Colmeiro, Mural del Cerro en Montevideo de Leopoldo Nóvoa y Esculturas en Museo de Escultura en Río de Janeiro de Fernando Casás

No hay comentarios:

Publicar un comentario