domingo, 25 de marzo de 2012

Pan


Falar do pan en Galicia é falar de nós mesmos. Dun alimento que nos leva a cando eramos cativos. Poucos sabores recordo máis intensos no meu padal que aquel pan de millo acabado de cocer que facía miña avoa nun forno de pedra, quentado coa leña do contorno. Intres que se afunden na memoria e non saen dela no resto da vida. Do mesmo xeito que a madalena proustina ou o Ratatouille que cociñaba Remy, o pan é a nosa anclaxe cos sabores da infancia, eses aos que nunca tiñamos que renunciar. Os bos tempos fixeron esquecer o pan, desprezámolo da nosa alimentación errados ante o seu poder calórico, esquecendo as súas propiedades alimenticias e, como non, o seu sabor. Agora que batemos con esta crise abafante, que ata parece que nos quere roubar o que somos, é o mellor intre para reinvidicar o pan, para facer del unha bandeira de resistencia ante o pernicioso que ten unha modernidade que nos levou ata aquí. Case sempre no máis sinxelo está o mellor de nós mesmos. Pontevedra xúntase hoxe a carón do pan, nunha idea que reúne o esforzo de moitas persoas en base a acadar unha nova achega para a sociedade e que, de manter as cotas de calidade e imaxe anunciadas, pode servir non só para xerar unha marca pontevedresa, senón para amosar un camiño que seguir nestes tempos tan afastados daquel molete de pan que unha avoa lle cocía ao seu neto.

Publicado en Diario de Pontevedra24/03/2012
Fotografía Gonzalo García

No hay comentarios:

Publicar un comentario