lunes, 12 de marzo de 2012

Fíos de luz, fíos de vida, fíos de ausencia

Ata o 19 de marzo o Patronato de Turismo Rías Baixas acolle as fotografías de Paula Pereira. Quince imaxes que xorden a partir dun fermoso poema no que Avilés de Taramancos xoga coa luz e evoca a ausencia da mesma, que se esgota como se esgota o día. Esta moza artista é quen de trasladar á imaxe fotográfica as palabras do poeta de Noia, e faino de xeito acertado, a partir de recoller nesa fotografías uns ambientes escuros onde só un raio de luz permite albiscar a vida, o pouso que deixa o ser humano ante o inevitable e fráxil discorrer do tempo. 

A luz necesita da escuridade para existir como a ausencia necesita do ser humano para ter sentido. Termos contrapostos dispostos a participar das imaxes que Paula Pereira acadou coa súa cámara. Son os rescaldos dun traballo aínda quente, pese a que ante el a forte carga da ausencia remítenos a unha certa frialdade que sempre conleva a non presenza da figura humana. Pero é esa luz, nalgunhas das fotografías un simple fío, o que nos deixa pendurados da incertidume, da posiblidade de existir, en definitiva, de valorar a existencia a partires da ausencia.
E é que dende a dialéctica luz-escuridade as posiblidades que ofrecen as pezas desta artista medran de xeito permanente cada vez que lles botamos unha ollada. Espazos baleiros onde só esas luces que entran por unha fiestra, máis ou menos aberta, son quen de rachar esa escuridade na que se fala de perdas, dun tempo que fuxiu, pero sobre todo de ‘Ausencias’, que así é como se chama a exposición. Porque todo deriva niso, no peso que amosa a ausencia, reflectida, de xeito fondo e maxistral, como o que se representa tras esa cadeira na que tantos deberon sentar e que agora permanece en pé, soa e chea de dignidade como a testemuña do que foi, da súa utilidade, agora xa a mercede do paso do tempo, nun naufraxio que só pode conducir a un final que todos adiviñamos e sometida a esa luz que parece tentar con ela un interrogatorio.
Deste conxunto de imaxes xorde tamén outra compoñente que trascende das propias fotografías e inunda o espazo adicado á exposición na planta baixa do histórico Palacete das Mendoza na Avenida de Santa María. Ese elemento é o silencio. Algo tan difícil de representar no artístico, pero que ten tanta contundencia á hora de beliscar ao espectador, Paula Pereira é quen de integralo dun xeito protagonista en cada una das súas imaxes. Un silencio que xorde desas estancias baleiras, que nos falan dunha vida no exterior, cando nel xa só queda o puoso desa ausencia. Desas vidas xa só nos chega un fío, un fío do que tirar para poder ter aínda unha esperanza, un enganche coa propia vida. Eses fíos de luz amósanse como un fermoso recurso estético, un arañazo na escuridade que xorde case como un berro para esnaquizar ese baleiro de desesperanza.
Paula Pereira reforza de xeito contundente a súa traxectoria dende a súa graduación en 2010 en Belas Artes e tras participar xa nun amplo número de mostras, sendo de relevancia a súa inclusión no Certame de Novos Valores de 2010 e o premio á mellor curta no ‘I Certame, Curtas para Rosalía’ nese mismo ano. Unha artista que non só traballa no eido fotográfico, senón que tamén amosa a súa calidade en campos como a ilustración ou a artesanía.
Pero o certo é que tras esta mostra Paula Pereira debe apostar de xeito decidido por esta disciplina. A súa capacidade para a evocación, para suxerir atmósferas entre o real e o irreal, a tería que levar por apostar de cheo polo mundo da imaxe con esa firme anclaxe que ten as súas fotografías na poesía. No só polo motivo que se agocha trala exposición, que é un pouco o de render homenaxe ao poeta Antón Avilés de Taramancos a partir dunha das súas composicións, e a súa posterior interpretación fotográfica, senón porque en cada unha desas imaxes se aprecian moitas das compoñentes da poesía. A evocación, a sinxeleza, o hermetismo ou a sinceridade son feitos para poñer en relevo nesta cita artística. Achegarse a elas convértese nun exercicio poético que a autora sabe poñer ante nós e ante as que un se sente especialmente conmovido, pola suxestión que se agocha en cada unha delas, nas que só o que vemos ou o que non vemos ten sentido. Sen títulos nas fotografías, sen nomes que nos poidan despistar, e o valor da imaxe como único medio de conectar co espectador, e o seu potencial para establecer un vencello entre ambos, apenas traducido co xenérico título de ‘Ausencias’.
Así as cousas, percorrer esta exposición supón unha agradable aproximación ao coñecer a unha moza que dende a súa arte se achega a nós, a través dun plantexamento cheo de sensiblidade, capaz de engaoiolarnos dende unha aposta tan sinxela. Moitas veces preténdese conectar co público dende grandes proxectos, con fortes inversións económicas, pero sustentados sobre uns fráxiles pés de barro. Paula Pereira no ten grandes pretensións, escapa de calquera intento pirotécnico, baseando a súa aposta no traballo ben feito e a capacidade que ten a imaxe, cando esta é boa, para conectar co espectador. Abofé que os que se achegen a ver esta mostra sairán cunha faciana de satisfacción, ao ver como a arte pode ter unha forte capacidade de seducción a partir dunha simple mirada, pero sobre todo de saber captar un instante cheo de maxia. Son só quince as imaxes, seguro que houbo outras máis, agora reducidas a este número, pero son máis que suficientes para coñecer a proposta dunha artista que seguro que no futuro nos seguirá ofrecendo novas sensacións que iremos seguindo ben atentos.
No Palacete das Mendoza, onde durante tantos anos entre as súas contras filtrábase unha luz morna que acariñaba os obxectos das súas moradoras, agora esa mesma luz é a que nos serve para entrar neses recunchos propostos por Paula Pereira. Lugares onde a soidade nos acolle, onde a escuridade nos envolve e onde un raio de luz se converte nun fío do que poder tirar, un fío de vida, o fío dunha ausencia engaiolante, xurdido dunha poesía para mimetizarse nela a través da imaxe.

Publicado en Diario de Pontevedra 11/03/2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario