lunes, 13 de febrero de 2012

Aqueles outros desembarcos

A 'Noite pirata' que se estreará no Entroido deste ano en Pontevedra encherá a vila dos máis variados tipos de corsarios e bucaneiros, en recordo da figura de Benito Soto, o derradeiro pirata do océano Atlántico. Un desembarco que non será unha novidade na nosa historia festeira, xa que Pontevedra, ao longo século XIX asistiu a troulas semellantes asentadas na loita entre Teucro, o fundador mitolóxico da cidade, e Urquín, fillo do rei Urco que chegaría navegando polo Lérez para visita-la cidade e desfacer así un malentendido. É a orixe do noso Entroido.


"No solo los balcones de las casas, los tejados, la plaza y sus inmediaciones estaban materialmente atestados de gente, sino que también sobre los árboles del parterre encaramados multitud de aldeanos semejaban gigantescos racimos pendientes de las ramas". Deste xeito se falaba en 1876 do ambiente que na praza da Ferrería esperaba de xeito ansioso a chegada do fillo do rei Urco, palabras que se conservan no fondo José Casal do Museo de Pontevedra, dentro dunha publicación realizada naquela data na que o Entroido de Pontevedra ofreceu unha dimensión descoñecida no que se facía en Galicia e achegaba as festas desta vila a outras de connotacións urbanas, cheas de fantasía, intelixencia e imaxinación propias das grandes urbes europeas. Nesa publicación dase conta dos feitos que en febreiro de 1876 se deron nunha Pontevedra que levaba sendo capital provincial dende 1836 e na que se comezaba a instalar un funcionariado que demandaba unha serie de servizos e actividades que completementasen a súa vida diaria. Pontevedra camiñaba cara a converterse nunha vila moderna, con sorprendentes avances técnicos-como foi a chegada da luz en 1889- e cunha actividade cultural que empezaba a amosar a efervescencia que a caracterizaría ao longo da súa historia. Os acontecementos alí descritos nos falan dunha recepción, dun desembarco que levou a toda a cidade a botarse a rúa para agasallar ao fillo dun monarca de nome Urco. Tras este feito atópa a escusa perfecta para desfacer unha broma que fora demasiado lonxe e no que a pegada dun deses persoeiros incomparables na nosa historia tivo moito que ver. Só uns poucos días antes daquel Entroido correra o rumor de que varios veciños da Moureira viran unha pantasma a carón das súas vivendas salgadas pola proximidade ao mar, un 'monstro' segundo o relato que aínda conservaba na súa memoria un dos nosos cronistas oficiais, Prudencio Landín, pero ao que o investigador José Antonio Durán puxo nome e cara, a do poeta Andrés Muruáis. "Vestido de pieles, con una máscara animal y arrastrando cadenas, recorrió las calles de la ciudad dando lastimeros aullidos. En A Moureira, el barrio de pescadores, identificaron enseguida la aparición: ¡É o Urco! O can do Urco". O imaxinario pontevedrés convertiu entón a esa figura en pouco menos que un demo que tiña atemorizada a gran parte da poboación, polo que foi necesario argallar algo para relaxar o ambiente e esquecer aquela trasnada que tiña moito de moderno, de buscar a integración do mito no devir cotián da cidade. Algo que fascinou posteriormente a nomes tan relevantes das nosas letras como Gonzalo Torrente Ballester (quen coñeceu de primeira man todas estas lendas que longo empregaría ao longo da súa obra). A literatura xogaba nese momento do século XIX a crear todo un conxunto de seres estraños, dende vampiros ata criminais da pelaxe máis variada, e tanto Andrés como o seu irmán Jesús, cunha ampla formación e sempre atentos ao que chegaba de fóra, quixeron integrar ese tipo de relatos co sustrato propio desta terra. A ninguén se lle escapa a aproximación desa figura nocturna a outros relatos como os da Santa Compaña ou o Sacaúntos.
Durante varias xornadas Pontevedra tremía co medo, a xente non quería saír pola noite das súas casas, polo que a proximidade do Entroido foi a escusa perfecta para plantexar unha historia que ocultase aquela trasnada dos irmáns Muruáis.
Montouse daquela unha boa para darlle a 'benvida' á cidade ao fillo de Urco, Urquín, e ao seu séquito, que viñan buscar as cinzas do seu pai, envelenado por Teucro. Un castelo instalado na Ferrería esperaba a chegada das tropas de Urquín convertidas nun longo desfile de carrozas e comparsas, que antes subiron por un Lérez ateigado de xente nas súas marxes. Tras unha longa hora de 'loita', ambos, Teucro e Urquín, firman a paz entre o alboroto dos presentes. A multitude, con coros e músicas, vive tres días de festa ata o mércores de cinza, no que Urquín volta ao seu reino levando as cinzas de seu pai.
Un entroido de moito éxito, inesquecible ata o punto que motivou que os seus creadores e organizadores se achegasen ata a praza do Teucro xunto con catro grandes elefantes de cartón para recibir o recoñecemento dos cidadáns. Naquela organización estamos falando de nomes tan senlleiros na nosa historia como os dos xa referidos irmáns Muruáis, pero tamén os dos escritores e xornalistas Renato Ulloa e Rogelio Lois; o debuxante Ramón Vives ou o músico Prudencio Piñeiro. Todos eles puxeron o seu talento ao servizo dunha feliz idea que derivou naquel inesquecible Entroido, recordado durante moitas décadas na cidade.

Estableceuse así unha referencia no que eran este tipo de celebracións en Galicia, Pontevedra amosaba unha faciana diferente que ademais desembocou nunha forte inversión económica dos veciños na cidade que revertiu nos seus comercios e as grandes vendas que co gallo destes actos se realizaron.
Ese pulo económico foi o que motivou que varios anos máis tarde, en 1888, e por iniciativa dun dos promotores daquela primera edición, Rogelio Lois, se recuperase aquela tola historia "porque además de la ganancia considerable que producen en ocasiones tales, algunas ventas y transacciones que se efectúan en la población, sería esta visitada por innumerables forasteros", nunhas palabras do propio escritor que deixaban ben clara a importancia para o comercio local deste tipo de celebracións colectivas, algo que non se afasta moito do que pensan os nosos dirixentes hoxe en día.
Urquín II| Dende este intre plantexouse un novo episodio daqueles feitos vividos uns anos antes, agora baixo a denominación de 'Urquín II y su corte en Pontevedra'. Atopámonos de novo cunha celebración de catro días de duración e da que nesta ocasión sí que temos imáxenes grazas ao traballo de Zagala, que inmortalizou o enxeño de varios grupos de pontevedreses ataviados para participar da troula dentro de diferentes comparsas: 'Guerreros de Urquín', 'Guerreros de Teucro', 'Cronistas', 'Marineros', 'Astrólogos'. Todas esas imaxes forman parte doutro pequeno libro no que se recolleron as actividades desenvoltas naquela cita, cheo de enxeño e bo humor, no que se recollen sendas cartas entre Urquín e Teucro, un discurso de Rogelio Lois comentando o beneficio que se obtén con este tipo de festexos na cidade e as imaxes das comparsas participantes. Un ano no que o remate ao Entroido tería lugar co Enterro da sardiña que partiría da Sociedade Recreo de Artesanos, para logo levar a cabo as honras fúnebres no Liceo Teatro. De novo, o éxito foi tal que Pontevedra se convertía a finais do século XIX nunha especie de capital do Entroido, un Entroido singular, cunha fonda pegada cultural e que amosaba o espírito dos seus veciños de facer do disfraz un xeito de transgresión social e de poñer en cuestión a realidade, espírito do que hoxe somos debedores todos nós, amosando en cada Entroido o pago desa débeda.




                                                    Publicado en 'Revista' de Diario de Pontevedra 12/02/2012
                                                                Imáxenes Arquivo Gráfico do Museo de Pontevedra

1 comentario:

  1. La diferencia fundamental entre los carnavales del siglo XIX y los actuales, es que de aquella los organizaba la sociedad civil pontevedresa y ahora hay que contratar con dinero municipal a unos artistas que vendrán de Vigo para simular un desembarco pirata.

    ResponderEliminar