lunes, 23 de enero de 2012

O 'espírito Sawyer' de Luís Rei

‘Cita en Fisterra’ é a última aventura literaria de Luís Rei. E é precisamente ese espírito de aventura o que trascende dun libro que se  asemella a unha guía de viaxe ao amosarse como un espazo cheo de historia e memoria, xa mítico na nosa identidade, como é a Costa da Morte. Ao longo dela o escritor plantexa un discurso vivencial e xornalístico, no cal se van dando encontros e descricións, pero tamén denuncias de moitos dos males que acosan a este lugar irrepetible. Asomado a este balcón atlántico Luís Rei non só mira a Galicia, senón tamén a si mesmo.

Apañamos a mochila e a carón de Luís Rei (A Coruña, 1958) percorremos a Costa da Morte, espazo mítico da nosa identidade galega ao que o escritor rende homenaxe como devolución do moito que este lle ten dado. Amosa na súa escrita unha permanente admiración polas paisaxes, polas súas xentes, as lendas ou as historias que van xurdindo ao longo deste percorrido por diferentes vilas onde o mar bate sempre con forza, establecendo unha sorte de connotación común a todos eles e creando unha atmósfera á que o libro non é alleo.
Luís Rei coñece ben este territorio; alí comparte o seu tempo con Pontevedra. En ambos lugares xorde a súa escrita, sempre curiosa por rastrexar novos territorios. Algo que ven facendo nos seus últimos traballos ‘O señor Lugrís e a negra sombra’ e ‘Monte Louro’, o seu ‘oitomil’ literario, como o define en ‘Cita en Fisterra’ e que, como unha alongada sombra tamén aparece ao longo deste último libro. E é que ese monte emerxe como un altar panteísta non só na obra literaria, senón tamén no eido vital do escritor. Del parece querer afastarse durante un tempo, abafado por unha empresa de tal calibre. A necesidade de aire fresco, de gozar do feito literario, parece ser a desculpa e a orixe deste itinerario polo que nos leva Luís Rei. Unha literatura de viaxe, se a queremos definir así, pero que non deixa de ser un pretexto para que o autor siga fundindo a súa mirada no ser humano e na súa relación coa sociedade.
Os diferentes personaxes cos que se vai atopando ao longo deste itinerario non son máis que os protagonistas da novela da vida, esa mesma que se escribe cada día e que se fixa na nosa pel, en cada unha das nosas engurras. Tabernas, restaurantes, museos, casas de cultura, faros... todos estes recunchos aos que accede o escritor serven para facer literatura, pero ao mesmo tempo para algo que interesa moito a un escritor tamén metido no mundo do xornalismo, como é radiografar unha terra que en non poucos casos metaforiza ao resto desta Galicia que nos toca vivir. Non elude o escritor a crítica a certa caste política que xogou con este paraíso aló polo ano 2002, cando aquel demo con forma de buque manchou toda a costa, así como as almas de moitos, algún ferido de morte, como o inesquecible Man de Camelle, pero o que aínda é peor, segue xogando hoxe en día esquecendo o comprometido, ralentizando proxectos e plantexando a creación de infraestruturas en espazos naturais protexidos. Con outra das denuncias máis habituais do autor, a presenza constante dese feísmo que foi esnaquizando un ámbito privilexiado e onde as cousas ‘horrendas’ destacan aínda máis que noutros lugares, fai deste libro unha especie de manifesto sobre a defensa do noso territorio.

Sete xornadas |A través desas sete xornadas imos participando desta aventura que o autor quere emparentar coa literatura de viaxe, xénero non moi recoñecido pero que emerxe con forza cando se fai bo uso dela. Luís Rei fálanos no texto de Mark Twain ou de Stevenson rescatando ese ‘espírito Sawyer’ que serve de título a este comentario. E de certo que hai moito diso, a mirada do mozo, do home que volve ao seu pasado, a da historia ou dunha memoria sempre moi presente en toda a súa obra, como xeito de reconciliación co home. E é que de memoria se van artellando tamén os relatos dos diferentes protagonistas do libro, aquelas xentes que falan do paso do tempo, da súa relación coa terra ou mellor dito, co mar: o mundo da pesca, da cultura tamén, a relación coa paisaxe... todos os ingredientes que constrúen o que somos hoxe, co bo e co malo.
É moi saudable facer este camiño co autor, acompañalo de xeito silencioso mentres percorre espazos marabillosos, paraísos naturais que sempre se amosan ameazados, como non, polo home. Pero Luís Rei aférrase con forza ao territorio, sabe que nel se atopa a salvación de todos nós, caracterizados pola morte das nosas vidas fronte á eternidade destes penedos, destes cantís, destas correntes de auga, destes ventos que zoan para ser o axóuxere dunha existencia que a carón de todos estes ingredientes se converte en especial.
Todo isto sábeo o escritor, que cando pode busca neste terreo o alento necesario para impulsar as súas palabras, dende esa galería reformada por outro home de Pontevedra, o arquitecto César Portela (que ten deixado xa moitas pegadas neste territorio do ‘finis terrae’), que lle serve de miradoiro. Alí, xunto cos sons das Variacións Goldberg creáse unha especie de aura para mirar ao mundo con outros ollos, afastados das inquedanzas da nosa actual realidade. Créase, deste xeito, un deses lugares nos que os escritores teñen a capacidade de mirar ao noso arredor de xeito diferente a como o facemos o resto dos mortais. ‘Cita en Fisterra’ é, polo tanto, un diario para coñecer o que non está tan lonxe de nós, e precisamente por iso pode parecer do máis descoñecido e sobre todo do máis engaiolante.



Publicado en Diario de Pontevedra 22/01/2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario