martes, 24 de enero de 2012

A necesaria volta á natureza

O artista portugués Mario Rocha (Viana do Castelo, 1954) amosa a través desta máis que recomendable exposición a capacidade do creador para atopar unha percepción diferente ao que acontece no noso contorno. Non quero dicir con isto que a aposta de Mario Rocha por voltar a mirada cara a natureza sexa un camiño pioneiro na arte, pero si que o seu valor sitúase en facelo hoxe, coa que está a caer.  Estes ‘Aires da serra...’ que ata o 12 de febreiro respiramos no Pazo da Cultura de Pontevedra son unha sorte de expiación de nós mesmos.


Un home chantado fronte á montaña. Bule na súa cabeza un pensamento cheo de dúbidas, de medos, pero tamén de esperanzas. É a volta do home a carón da súa nai, desa que nunca lle vai fallar. Non son bos tempos para o ser humano, acosado por unha modernidade chea de banalidades que no último que pensa é no propio home, poñendo por riba del unha morea de cuestións inútiles. Entramos nunha crise global, e aínda peor que esa crise económica atopámonos cunha crise moral, esa si que é perigosa.
Todas estas cuestións son as que atopamos nas obras de Mário Rocha nas que, se algo é evidente, é o seu compromiso explícito co home, ao cal parece animar para xuntarse con quen nunca o vai defraudar, con esa natureza á que nos enfrontramos de xeito permanente, moitas das veces estragándoa para satisfacer o noso egoísmo. ‘O pastor’, ‘Jabalí’, ‘Aires da serra’ ‘Mulher e criança’ ou ‘Vidas negras’ son excelentes obras que transmiten esa percepción do contorno do home coa súa nai eterna. Do mesmo xeito, as súas dezaoito pequenas pezas que forman a serie ‘Estudo’ son unha especie de itinerario por eses lugares que busca reflectir o autor no formato máis amplo. Ensaios que rematan como unha obra en si mesma, coa mesma calidade que as de maior tamaño e onde o artista amosa unha delicadeza artística aínda maior que na outra dimensión.
E é que se por algo se caracteriza de xeito formal o noso protagonista é por acadar coa súa pintura unha sutilidade coa pincelada que transmite ao espectador unha superficie case onírica, un mundo inventado onde as formas se dilúen nun ámbito cada vez máis abstracto, aínda que sen perder nunca a relación coa realidade. Deste xeito a súa obra amósase como un fértil cruce do que se fai e de como se fai, para desembocar así nese achegamento coa natureza que é o fío condutor da mostra chegada a Pontevedra por mediación da Fundación do Camiño Portugués a Santiago de Compostela, que aposta deste xeito pola contribución artística como unha achega máis da súa profunda aportación a nosa cultura e que leva amosando durante o último mes, tamén no Pazo da Cultura, coa segunda cita da exposición ‘Camiños’, neste caso adicada ao universo feminino.
Esa implicación con Portugal é a que levou ao comisario da mostra, Tino Lores, a achegarnos a Mário Rocha, sabedor das súas posibilidades, xa amosadas, aínda que de xeito breve, na exposición colectiva celebrada no 2010 no propio Pazo da Cultura chamada 'Camiños'. Temos, polo tanto, a oportunidade de ampliar aquel coñecemento breve, aquel contacto que agora se establece como unha forte relación coa pintura deste home e da súa terra, desas serras que o rodean e nas que se atopa a única verdade que nunca nos vai defraudar, na que sempre nos imos a sentir  reconfortados. Un berce no que recuperar as nosas vidas agora secuestradas por uns tempos que non son os mellores, pero que son os nosos. Que a arte nos sirva de alivio.



Publicado en Diario de Pontevedra 22/01/2012
Fotografía: Javier Cervera-Mercadillo


No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada