miércoles, 14 de diciembre de 2011

Retratando a nosa pintura

É un dos xéneros tradicionais da pintura. O retrato como reflexo da sociedade, daquelas figuras sobranceiras en diferentes tempos e que buscaron trascender ao seu tempo a través da súa representación pictórica. Galicia tampouco foi allea a esa sensibilidade do ser humano e, baixo o comisariado de Carlos L. Bernárdez, levouse a cabo este proxecto que se somerxe nese xénero na primeira metade do século XX, cando coincide un tempo que remataba con outro que enchía dun aire novo o mundo da plástica a nivel mundial.


Entre 1890 e 1950 a pintura en Galicia debatíase entre dous modelos ben definidos, o da pintura de Salón, é dicir aquela máis académica que respostaba a unha exaltación rexionalista con raíces clásicas, e a daqueles que en consecuencia ao que sucedía en diferentes puntos de Europa fixeron da súa arte un ensaio das correntes de vangarda co conseguinte estoupido da tradición. O retrato vai subsistir aos novos tempos e ao longo desta mostra podemos ir vendo como aqueles retratos de persoeiros sobranceiros da sociedade do momento van ir derivando en retratos de xente anónima, xente dunhas vilas nas que as rúas comezaban a ser un bulir de persoas. É parte da resposta da pintura ante o seu tempo, neste caso un tempo novo, e é que esta disciplina, como ningunha outra, soubo radiografiar o que acontecía ao seu arredor. Nesta nova percepción tiveron moito que ver aqueles artistas novos,  Laxeiro, Souto, Torres, Colmeiro e Maside que, dende a nova valoración da arte xurdida dos plantexamentos de Castelao, souberon integrar a nosa plástica nos istmos da pintura europea.

Viaxe |  Eles foron quen de abrir a nosa pintura ao mundo, e dende eles a arte en Galicia acadou novas conquistas que nesta mostra amosan todo o seu potencial, e a capacidade para, dentro dun xénero clásico, sentir un novo tempo.
Esta viaxe a través dos rostros vai dende o ‘Retrato de dama’ de Ovidio Murguía ata o ‘Autorretrato’ de Laxeiro. Precisamente, só eses dous exemplos servirían de reflexión sobre todo o exposto na mostra. O retrato dunha dama, unha muller da burguesía galega, e o retrato dun pintor, dun artista que asume o seu mérito para ser representado, ademais, dunha maneira tan novidosa como sorprendente na nosa arte. Dúas pezas separadas por preto de sesenta anos nos que moitas cosas mudaron na nosa sociedade. Así, ese ‘recoñecemento’ mudaba do poder económico ao poder do artista, ademais de modificar o sistema de representación, é dicir, daquilo que vemos. Se a muller de Murguía responde a un retrato tradicional, a peza de Laxeiro evidencia a importancia de como se pinta, de como a arte vai convertir ao retrato no campo de exploración de pinceladas e formas, quedando aquilo que motiva a representación, como unha simple excusa, como o pretexto para levar a cabo un xeito de expresión personal na procura dun estilo. A mostra serve para contemplar esa dobre vía da nosa arte, para asistir ao traballo de nomes como Joaquín Vaamonde, Roberto González del Blanco, Carlos Sobrino ou Sotomayor, e tamén dos anteriormente citados dentro do grupo de ‘Os novos’, xunto a Julia Minguillón, Maruja Mallo ou Eugenio Granell. Todos eles apostaron polo retrato, como apostou o comisario e Novagalicia Banco para achegarse á nosa pintura dende unha perspectiva non moi habitual, e que pola conxunción de todas estas miradas permítenos achegarnos a ela como non se fixera con anterioridade. A pintura non deixa de amosar novas formas de percibila, moitas veces a témola diante de nós pero non somos quen de tocar as claves necesarias para a súa comprensión por non poder poñelas en relación con outras miradas coetáneas ou anteriores. As salas do Centro Sociocultural de Novagalicia Banco en Pontevedra amosan moitas desas claves dende as miradas de todos estes retratados que, ao fin e ao cabo, o que están retratando é a nosa pintura.


Publicado en Diario de Pontevedra 11/12/2011
Fotografía: Andy Leal
1. CASTELAO.'No faetón de Rianxo a Santiago, 1908
2. ARTURO SOUTO. 'Meu fillo', 1933

No hay comentarios:

Publicar un comentario