domingo, 6 de noviembre de 2011

Pinceladas que se afunden na terra

Entre 1911 e 1987 Manuel Pesqueira desenvolveu unha traxectoria singular na paisaxe artística galega do século pasado. A escasa presenza das súas obras en museos ou centros de exposicións afastou durante moitos anos, sempre demasiados, a forza da súa pintura a través dunha pincelada que, como un grao de area, vai compoñendo cada unha das composicións cunha fonda intensidade. No ano no que se celebra o centenario do seu nacemento NovaGalicia Banco foi quen de adicarlle a exposición que explica a súa arte, pero sobre todo a súa mirada.



Poucos artistas foron quen de afundir os seus pinceis dun xeito tan intenso na súa terra como Manuel Pesqueira. Xorde a súa vocación nun medio rural, o do fértil val do Salnés, que se converteu, dende a súa paisaxe e as súas xentes, no eixo formal da súa obra. A carón daquela xeración renovadora da arte galega, Arturo Souto, Manuel Torres, Laxeiro, Maside e Colmeiro, foi medrando a súa singular figura. Singular porque a vida lle puxo as cousas ben difíciles ao perder un brazo, precisamente o dereito, co que comenzara a facer as súas primeiras pinturas. Pero a forza interior, o carácter por querer expresar cara o exterior aquela forma de mirar a realidade que o caracterizou, foi o impulso necesario para mudar os pinceis de man e empezar de novo. Cada unha das súas pinceladas fálanos desa aprendizaxe, dese esforzo supremo por facerse pintor sempre a partir daquilo que tiña máis preto, as xentes e as terras que rodeaban a súa vivenda.
Percorrer esta mostra supón un descubrimento, non porque non coñecésemos a súa obra, senón por poder gozar dun conxunto tan excepcional de pezas, polo demais moi difíciles de ver, debido á súa escasa presenza en museos e institucións, estando a maior parte da súa obra nas mans dos seus descendentes. Deixarnos rodear por eses labregos, canteiros, homes xogando ás cartas ou nais non é máis que achegarnos á verdadeira identidade de Galicia a traves da terra e a xente o que máis caracterizaba a éste país ao que sempre se adicou o noso protagonista.
Se algo nos vai chamar a atención cando fagamos o percorrido, artellado de xeito audaz polo comisario da mostra Fernando Martínez Vilanova, é a forma de plantexar a pincelada por parte de Manuel Pesqueira. Ao seu arredor xira toda a estrutura do cadro, ela é a que lle confire os ritmos a cada lenzo, a que singulariza as súas figuras monumentais, e tamén a que crea a ilusión da profundidade nas obras. É a súa, con moita probabilidade, a pincelada máis forte e segura de toda a arte galega, a que ten a maior densidade para construír a escena a representar. Alén diso, os seus cadros son a radiografía dunha terra, a alma dun país. Foi ao que adicou o seu traballo, a súa pintura, a recoller as mulleres, os veciños que xogaban a partida, os homes que labraban no campo, os traballadores das canteiras próximas á súa casa. Unha sorte de peregrinaxe que deambulaba polos seus cadros como a imaxe en movemento dunha Galicia rural, na que se agochaba a cerna da nosa identidade.
Non é facil achegarse á pintura de Manuel Pesqueira, que NovaGalicia Banco apostase por el coa reflexión de Fernando Martínez Vilanova é unha magnifica nova, que nos vai permitir asomarnos a un traballo que merece os meirandes calificativos da nosa tradición plástica. Todos aqueles que gusten da pintura deberían facer unha sorte de peregrinaxe para, en moitos casos, ver por vez primeira moitas das súas obras. A ocasión terá lugar ata o 20 de novembro na Sala de Exposicións do Centro sociocultural de NovaGalicia Banco en Pontevedra; con posterioridade a mostra desprazarase ata Santiago, na viaxe que no ano do centenario do seu nacemento permitirá ao público ver de preto a súa pintura, pero sobre todo a súa pincelada, esa que se afunde na terra para amosarnos a súa alma.



Publicado en Diario de Pontevedra 6/11/2011
Fotografía Rafa Fariña

No hay comentarios:

Publicar un comentario