martes, 29 de noviembre de 2011

Fado

Sorprende que aínda non fora considerado o fado como Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Poucas músicas transmiten mellor o espírito do home que estes sons cheos de saudade xurdidos nos barrios mariñeiros de Lisboa. Por eles adoitaba camiñar Fernando Pessoa, que foi quen de dicir que «canto máis universal sexa o fado, máis se converterá en parte da nosa identidade». O xenio luso sabía da forza daquelas cancións que falaban tanto do sentir daqueles que estaban lonxe da súa terra coma dos que quedaban no país chorando a súa ausencia. Aínda hoxe escoitar un fado arrepía o corpo, facéndonos sentir o que moi poucas músicas son quen de acadar. Adóitase dicir que nunca é tarde se é para ben, e o certo é que nesta ocasión por fin o pobo portugués tivo unha boa nova, unha nova que serve para alentar a estima dos nosos veciños dende o que tanto aman: o seu fado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario