sábado, 8 de octubre de 2011

Asorey

Achegarse á Fundación Gonzalo Torrente Ballester en Compostela para percorrer a exposición sobre o escultor cambadés supón, como tantas veces acontece con este tipo de persoeiros, darse de bruces coa xenialidade agochada baixo anos de esquecemento e mediocres estudios. Só entrar na mostra e atoparse a monumental ‘Nai de door’, unha espectacular talla en madeira de máis de dous metros de alto, xa nos fala desa situación e dunha mestría que moitos confundiron coa labor do artesán. Esta peza, traída expresamente do País Vasco, e restaurada con non poucos atrancos pola propia organización, contén todo o que é Asorey: o gran escultor da Galicia que se adentraba na modernidade artística, o artista capaz de sobrecollernos, o mesmo dende as súas abrumadoras formas como dende a delicadeza dun rostro, o home que non renunciaba á cor para que as súas esculturas gañasen en realidade. É abraiante ver como esas pezas en madeira, a xa citada, o ‘San Francisco’ ou ‘O tesouro’ son auténticas pinturas en tres dimensións, volumes que te permiten arrodealas para recoñecer como a cor tivo, como en moitas das nosas antigas obras de arte, valor de seu. Asorey soubo facer desa tradición modernidade, e dende o seu taller cambadés compuxo un dos imaxinarios estéticos máis senlleiros da nosa arte, da que esta mostra é intelixente testemuño.


Publicado en Diario de Pontevedra 8/10/2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada