domingo, 18 de setembro de 2011

Profesores

Pódolles asegurar que non hai emoción máis grande que a xurdida dun profesor achegándose a un, máis de vinte anos despois, co fin de dicir que se sinte orgulloso do que andas a facer na túa vida profesional. Fai uns días sucedeume. Aquel profesor que tantos rompedeiros de cabeza me dera (aínda que igual eu lle dín algún máis) pola miña pouca devoción polas matemáticas, era quen de superar a timidez de anos sen cruzar palabras, substituídas polo intercambio dunhas miradas que agochaban o inesquecible pasado común, para amosar a súa satisfacción porque aquel alumno, sempre perdido entre sucesións, derivadas, integrais ou logaritmos neperianos saíra adiante. Certo é que eso de ser profesor imprime carácter, que quen o é, e sobre todo se o é de vocación, asume un forte compromiso cos seus alumnos, que se prolonga fóra dos anos de obrigada unión académica. É por iso que un non entende como todo o que se fala nestes días arredor da ensinanza redúcese a cartos e máis cartos. Hai cuestións na vida que deberían estar afastadas da vileza da economía, nembargantes, asistimos de xeito lamentable a un noxento debate sobre o traballo daqueles nos que se sustenta o noso futuro. Reducir a súa presenza, lonxe de ser un aforro, supón encarecer a nosa sociedade ata o punto de que aquel xesto do meu profesor podería non ter sentido en pouco tempo.


Publicado en Diario de Pontevedra 17/09/2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario