domingo, 21 de agosto de 2011

Símbolos



Lonxe de ser a súa pretensión, a vida converteunos en símbolos, en altofalantes do que nunca debeu acontecer así como en divisas do que a natureza humana e quen de chegar a facer. Quitar a vida a alguén por pensar ou ser diferente é unha das peores taras que o home, e polo tanto a sociedade na que se atopa, pode presentar. E todo co alento dunha guerra entre irmáns, na que o odio e a miseria de espíritu amosou o peor de nós mesmos. As mortes de Alexandre Bóveda e de Federico García Lorca, os dous nun pequeno intervalo de horas dun cruel agosto de fai 75 anos, o primeiro nos montes da Caeira e o segundo en Viznar, Granada, úneos nese destino tráxico, nesa sorte de martirioloxía que a sociedade por desgraza necesita para soster a súa dignidade. A carón deles son moitos outros anónimos os que ‘non repousan’ nos buratos dunha memoria á que non debemos dar a espalda para darnos conta no que nos podemos converter. Eles dous destacaron polo seu traballo pola comunidade, dende a economía e moitas outras facetas, o noso veciño; e escribindo algunhas das nosas mellores letras, o poeta; loitaron porque a súa sociedade fora mellor, na esperanza dunha modernidade que esquecese o atraso dunha España da que ambos quixeron formar parte e que outros non lles deixaron. Aquel mes de agosto encheuse de mortos e bágoas, pero tamén de símbolos.


Publicado en Diario de Pontevedra 20/08/2011
Fotografía de David Freire da exposición de Alexandre Bóveda organizada pola súa Fundación

No hay comentarios:

Publicar un comentario