martes, 7 de junio de 2011

O retorno ao fogar. A volta a un mesmo

‘Non hai noite tan longa’ é a última novela de Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947), unha extraordinaria obra que volta a mirada á grande literatura. A dos mitos gregos ou as obras de William Shakespeare, referentes para un relato que afonda na Galicia de finais do franquismo coa historia dun home que volta á súa casa tras trinta anos fóra dela co gallo da morte da súa nai. Nese retorno o protagonista abrirá as portas dun pasado cheo de feridas que lonxe de cicatrizar están aínda sen sanar. O lume da verdade será o seu facho para atoparse a si mesmo.



Monteverde é un pequeno concello no cal todos se coñecen. En 1972 un home, Gabriel Lamas, aínda rapaz, fuxiu daquel lugar afogado polos medos que os anos finais do franquismo propiciaron nas súas xentes. Tras pasar por Barcelona e tendo a súa vida en París, a chamada telefónica, trinta anos despois, da súa irmá anunciándolle a morte da súa nai propicia o seu retorno a aquel lugar ó que prometera non volver. A visión pantasmal da figura do pai faille revivir un lamentable suceso que aconteceu cando tomou aquela decisión de non volver mirar cara atrás. Atrapado polo recordo e a recuperación dun mesmo decide quedarse para coñecer a verdade.
Esa búsqueda é a que move todo o desenvolvemento da acción, as pesquisas que o protagonista realiza entre aqueles veciños que puideron ter relación cos feitos. Ó ir tirando dos fíos que a investigación vai poñendo nas mans do protagonista condúcenos por unha trama engaiolante e que nos atrapa nunha sorte de ‘thriller’ no marco físico da aldea e co paso do tempo como testemuña do que fomos e tamén do que somos.
A contraposición de tempos a través daqueles estertores do franquismo, con citas puntuais como o referéndum dos 25 anos de paz, ou a convulsa situación internacional coa Guerra Fría, a chegada do home á lúa ou os brotes de racismo en Estados Unidos, que tan ben se reflicten na fermosa imaxe que ilustra a portada do libro, coa actualidade é a que lle permite a Gabriel Lamas achegarse a súa propia familia, aquela da que se separou tras a súa marcha. Falar coa súa irmá ou manter longas conversas coa súa sobriña é o recurso que relaxa as situacións máis tensas como son as que se refiren ós sucesos que tiveron lugar nun pasado e que marcaron o futuro de toda unha familia.
Agustín Fernández Paz recupera nesta intensa novela os grandes mitos da literatura e é quen de inxerilos no discurso dun relato actual e moderno, con moitos acenos ó cinema. A hamletiana aparición da pantasma da figura do pai reclamando xustiza ó seu fillo, ou esa sorte de viaxe de retorno a casa como o Ulises da ‘Odisea’, ata o propio título da novela, saído dun diálogo de ‘Macbeth’ (“Reunide todo o ánimo que poidades. Que non hai noite tan longa que non remate en día”), danlle solidez á narración e permiten ó autor afianzar a historia personal do protagonista que é quen de facer dun xeito fluído e que sempre te vai mantendo en alerta ante os seus movementos. Porque se algo pode agradecer o lector nesta novela é a súa sinceridade literaria, a súa vocación de relato clásico que permite unha lectura sen atrancos afastada das complicacións que moitos escritores buscan de xeito premeditado para inscribir a súa novela dentro dalgunha corrente experimental. Agustín Fernández Paz a estas alturas da película, e sendo esta a súa primeira novela adicada plenamente ó público adulto (aínda que lendo as súas obras adicadas ó público infantil e xuvenil un non entende esta división de ‘xéneros’) non xoga con experimentos. Senón que se adica a escribir, a facer dun relato a narración dunha xeración onde os medos e teimas do franquismo enchían todo da súa baixeza moral, onde os rumores, as desconfianzas e as delacións entre amigos, convertían as vidas en vidas marcadas a ferro quente sobre a súa pel polos propios veciños. Estes resquemores danaron de xeito irreparable a moitas familias que se viron esnaquizadas, como acontece coa de Gabriel Lamas. Agora, cincuenta anos despois, é un deses simbólicos momentos que a vida nos ofrece para pechar o seu propio círculo, ou mellor dito, para fuxir dalgún deses labirintos no que a nosa existencia é quen de enredarnos, e como acontece tantas veces, a morte é o único desencadeante dese proceso terapéutico baseado na recuperación dun tempo, pero sobre todo na recuperación dun mesmo.
O escritor de Vilalba ofrécenos unha novela engaiolante para o lector que desexa pasar unha páxina tras outra para ver por cal deses fíos tira o protagonista na procura da súa propia historia, pero tamén na procura do que pasou en moitos recunchos desta terra.




Publicado en Diario de Pontevedra 5/06/2011
Fotografía 'Persoas nunha cafetería o día do Referendum dos XXV anos de Paz' (1966)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada