domingo, 15 de mayo de 2011

Cultura

É garantía de excelencia de todo aquelo que toca. Cando unha cidade destaca pola súa actividade cultural deseguida se pon de exemplo de calidade de vida e dunha cidade á cal teñen que tender ás demais; cando nun xornal as páxinas de cultura ocupan un lugar sobranceiro, ou se nota que nese xornal se mima esa sección, dito medio ten prestixio e recoñecemento, e cando nunha persoa asoman diferentes virtudes culturais, dende o ámbito que sexa, esa persoa é unha referencia para a súa comunidade. É por iso que a cultura é un elemento de singularidade e os nosos políticos deberían darse conta das súas potencialidades. Ollar os programas electorais das forzas políticas á alcaldía da nosa cidade permite diferenciar a quen interesa e quen fai unha aposta por ela. Así abrir o programa do candidato Telmo Martín é desalentador, ó non atopar nel nin unha soa liña na que apareza a palabra cultura, a non ser que estea agochada baixo algunha das súas propostas de soterramento, mentres que nas ofertas das outras formacións maioritarias a cultura desplégase coa dignidade que sempre debe ter, sendo conscientes de que a cultura é a mellor marca identitaria para construir unha sociedade. As máis das veces as propostas electorais se pensan para atallar a crise económica, cando moita da culpa de que ésta xurdise é outra crise, unha crise moral e de valores para a que o único remedio é a cultura.


Publicado en Diario de Pontevedra 14/05/2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario