martes, 5 de abril de 2011

Tapas



É un dos nosos grandes inventos. O complemento perfecto ante unha bebida compartida cun bo grupo de amigos. Nestes días Pontevedra convértese na capital das tapas da man dunha iniciativa que vai a favorecer, e moito, a imaxe da nosa hostalería, ó amosar unha faciana máis dinámica e novedosa acorde ós novos tempos. Lonxe debe quedar xa o hostaleiro cos brazos cruzados tras a barra esperando a chegada de clientes, nesta sociedade necesítase unha maior implicación e conexión coa futura clientela: publicidade, arriscar con novos retos, ofertar diferentes productos, deixarse levar polas novas tecnoloxías... elementos que van ir sempre en favor dos negocios, e á vista dos resultados desta proposta, que ampara a concellería de Turismo baixo o nome de ‘Pontevedra Tapas’, as expectativas son moi favorables. O percorrido establecido polos locais participantes preséntase como un desafío ós nosos sentidos, e o descobremento, máis que da nosa gastronomía, da nosa hostalería e as súas posibilidades. Bares, cafeterías ou restaurantes son boa parte do noso tecido económico, na aposta por eles apóstase pola nosa cidade e a súa economía, grazas á implicación con veciños e visitantes. Facer de Pontevedra unha cidade de tapas é unha boa idea que abofé irá medrando ó longo das sucesivas edicións, xa que lecer e cidade son os mellores ingredientes para unha boa receita.

Publicado en Diario de Pontevedra 2/04/2011
Fotografía de Javier Cervera-Mercadillo

Ningún comentario:

Publicar un comentario