lunes, 18 de abril de 2011

S/T (O futuro non era así)

Ata o 6 de maio a Sala Alterarte do Campus Universitario de Ourense acolle o recente traballo de Vanesa Díaz e Juan Adrio, ambos saídos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, pero cunha traxectoria complementaria no eido da ensinanza e a exploración de diversos territorios artísticos. Nesta ocasión esa exploración baséase no propio artista, na súa capacidade para facer obra do seu pensamento, para transmitir ó espectador aquelo que pode chegar a doer ó creador, pero do que é capaz de extraer o alimento para a súa obra e a nosa contemplación.



O artista. O berce da creación, aquel que fai da reflexión é á análise, momento previo do feito artístico, daquelo que logo chega a nós materializado nunha obra de arte. Vanesa Díaz e Juan Adrio indagan nesa reflexión, nesa loita contra si mesmos e contra a capacidade de fabulación dunha idea. É o proceso da construción dunha obra o que preocupa nesta ocasión a ambos artistas, e ese punto de ignición é o que buscan reflectir co seu traballo. Para o que pode servir tanto unha instalación, como a fotografía, unha vídeo-proxección ou a escultura. Técnicas das que se serven para artellar un discurso que como eles mesmos definen, se amosan como “ensaios sobre a imposibilidade. A espera. A condición humana, é dicir, vivir a vida mentres dura coas características que lle son propias, o que Remo Bodei falando das paixóns, chama ‘un mapa de las cicatrices conceptuales”. É sobre ese mapa sobre o que traballan Vanesa Díaz e Juan Adrio, dominadores de diferentes soportes, algo inherente a arte actual, a multiplicidade de linguaxes e de compoñentes que finalmente, se enguedellan entre si nunha mesma dirección.

Cicatrices |E precisamente cicatrices son as que xorden en moitas das pezas propostas, suturas dunha ferida, lenzos que recuperan a perda, o laio que pecha o baleiro mediante a súa sutura. Pero ese baleiro tamén se transmite noutras pezas, fotografías onde ese baleiro se converte en memoria. Tempo dun mundo que foi feliz e que quen sabe que foi xa del. Tempo que parece esvaecer por un burato que a propia natureza, co seu azaroso devir, é quen tamén de xerar cos seus obreiros como pode ser unha araña. Tempo suspendido como o desa lúa mecida pola noite. Silencios que se engaden a un conxunto onde se van fundindo as diferentes propostas para o control dese baleiro. Dicía Lacan aquelo de que: “Todo arte se caracteriza por cierto modo de organización alrededor de ese vacío”, e nesa fenda, na que xorde o feito creador, é onde repousa o traballo dos nosos protagonistas. Unha aposta complexa por tratar de definir ese punto de non retorno no que tantas veces se posiciona o artista, traumático en ocasións, pero noutras, as máis das veces, cheo de felices consecuencias.

Ignición | E todo eso é o que bule arredor desta mostra feita a propósito para esta sala dentro da programación ‘Estado crítico. Dez comisarios, dez artistas’ na cal os artistas se amosan espidos ante nós dende a súa plasmación en diferentes obras de arte. Distintas pezas que chocan entre si para, a pouco de estar fronte a elas, amosar todo o seu sentido. Vanesa Díaz e Juan Adrio crean un percorrido polo seu interior, pola súa forma de entender o mundo é ese punto de ignición onde xorde a creación, onde bule ese magma creativo que está sempre a piques de estoupar pero que nunca se sabe a que graos ten que chegar para que nos salpique a todos nós. Ver esa lúa atravesar a escuridade, ou ese parruliño a piques de lanzarse á auga é a parálise dun intre, a conxelación dun instante clave no devir da obra e do artista, temperatura que vai medrando coa participación da memoria, o rastro do vivido, a experiencia ó servizo da arte. Vivencias que nos fan homes e mulleres, pero tamén seres con cousas que contar, e o como se conta será o que nos distinga uns dos outros. Aquí cóntanse moitas cousas e cóntanse de maneiras tan diferentes como suxerentes.


Publicado en Diario de Pontevedra 17/04/2011
Fotografía da exposición de Juan Adrio

No hay comentarios:

Publicar un comentario