xoves, 14 de abril de 2011

Pecado




Se hai algo no que aínda as nosas exposicións deben mellorar moito é na súa visualización ante o público, moitas veces descoñecedor do traballo que se fai en sitios que están ben cerquiña. Dende o 6 de abril o Auditorio de Galicia en Compostela amosa a exposición ‘Casus belli’, a priori, moi interesante, ao establecer a súa articulación na resposta que o público fai de diferentes obras de artistas galegos prolongando o valor da peza á postura que amosa o espectador fronte a elas. Estamos a día14 e ata onte, non tiñamos constancia desa mostra nesta Pontevedra que está a pouco máis de media hora en coche. É posible que co paso do tempo alguén comentase o bo traballo feito polos comisarios Alberto González-Alegre e Ángel Cerviño e decidísemos ir a vela, ao mellor xa con poucas xornadas para facer os nosos plans. Co que non contabamos era coa publicidade que grazas ás argumentacións contra dúas das pezas alí expostas chegounos onte a noticia desa mostra. O candidato á Alcaldía de Compostela polo Partido Popular, Gerardo Conde Roa, e o concelleiro do mesmo partido, Ángel Currás, fixeron a mellor propaganda e difusión que dela se pode facer, eso sí, a costa da súa propia intelixencia e de amosarse coma uns políticos completamente alleos ao mundo da arte, e o que aínda é peor, alleos á realidade. Censurar o extraordinario ‘Cristo das Rías Baixas’ de Manuel Moldes supón voltar a aquel ano 1985 cando dito cadro foi tamén axusticiado tras un telón por consideralo ofensivo na Bienal de Pontevedra, e que un candidato á Alcaldía, dunha cidade chea de cultura, aínda permaneza anclado nos anos oitenta non fala moi ben das súas posibilidades de cara ao éxito electoral, algo que pola súa reincidencia no intento tampouco o vai coller de sorpresa.
Facer política coa arte é tan perigoso como que a propia arte caia enriba dun. Os políticos pasarán, pero ese cadro de Manuel Moldes permanecerá para sempre no imaxinario artístico galego como unha feliz interpretación humanista dunha relixión contra a que en ningún aspecto atenta o artista, todo o contrario, amosar un Cristo espido e boca abaixo supón dotar de humanidade a ese home que sufriu na cruz. Se a eso o rodeamos coa integración no ambiente pontevedrés temos un dos mellores cadros dun pintor imprescindible na nosa historia artística e que por suposto está por riba de liortas políticas.
Medo me dá que esa ansia represora se extenda ao xubileo do Pórtico da Gloria e a Conde Roa e aos seus correlixionarios se lles ocurra, por exemplo, intentar ocultar a luxuriosa sonrisa de Daniel ante a voluptuosidade de Esther. Falamos de oitocentos anos de pecado, case nada.


Publicado en Diario de Pontevedra 14/04/2011
'Cristo das Rías Baixas' (1985). Manolo Moldes

Ningún comentario:

Publicar un comentario