martes, 19 de abril de 2011

Briallos esvaece en París

As paisaxes de Celso Varela protagonizan dende hoxe unha exposición en París. A ‘Galerie Leonardo’ acolle as miradas deste home centradas, en gran parte, no seu Briallos natal, o berce da súa pintura.




Facer da paisaxe patria, da terra motivo, do latexar da pintura vida, así é como se presenta Celso Varela (Briallos, 1952) en París. Parnaso de calquer pintor, esa Itaca á que todo artista quere voltar para amosar o seu papel no mundo da arte e do que pode ser capaz.
O ano pasado Celso Varela bautizouse ós pés da Torre Eiffel, a carón daquel Montparnasse xa mitificado na memoria da arte, agora, pouco máis dun ano despois, a experiencia repítese, resultante empírica de que aquelo foi máis cun bautismo, foi a aceptación dun pintor e do seu traballo que se verá confirmado durante ó proximo mes en que volverá a amosar a súa obra máis recente. Esa na que se volca sen medias tintas este pintor que exerce de tal ante o cabalete, ante ese potro de tortura en que moitas veces se converte o seu traballo. O disfrute ven despois coa obra feita, o proceso, o desgaste mental non entende de praceres como adoitan dicir outros artistas que falan do que gozan co seu traballo.
Dripping sentimental. Celso Varela afúndese de xeito radical na súa obra e así ésta amósase como unha expiación íntima do eu máis profundo, e que ten a obriga de enraizarse no principio, na aldea, nesa cosmogonía que moitos artistas elixen como reflexo de si mesmos. O que os diferencia a uns dos outros é o cómo, cómo se fai a pintura e cómo esta se traslada ó espectador, e o noso protagonista co seu traballo amosa esa implicación dende a pincelada, a abrumadora pincelada poderíamos dicir neste caso, esa mesma que estoupa ó querer trasladar esas paisaxes de Briallos á bidimensionalidade. Un ‘dripping’ sentimental que escorrexa polo lenzo, que converte esa superficie nunha rede, nunha tea de araña da que é imposible fuxir. Polos ocos da súa pintura adiviñamos os elementos que conforman a nosa paisaxe, casas, árbores, viñas, leiras, camiños... un universo que irá esvaecendo a través da mirada do artista, normalmente repetida ata a extenuación dende un mesmo punto de vista, ese observatorio no cal se asenta o creador para capturar a paisaxe. Unha orxiástica recreación do motivo que se abre tras unha ventá, tránsito do mundo real ó mundo das ideas, umbral do imaxinado máis que do percibido. Dende esa cadeira, como un aguia pousada ante un val na procura dunha víctima, Celso Varela espera tamén que chegue a súa presa, que se converta en alimento para a súa obra, e así acontece. Deste xeito é como nos chega esta representación da nosa paisaxe, dun Briallos que o empeza a ser ó principio do cadro e logo desaparece para ser calquera outra, converténdose nunha mirada  global nese universo que cada un fai seu como plasmación da súa paisaxe favorita.
Se nalgún lugar saben de paisaxes ese é París, nas súas rúas reiventouse a paisaxe a través da individualidade do artista, da modificación dunha visión decimonónica que se achegou á percepción que dela tiñan cada un dos artistas que entre os séculos XIX e XX puxeron patas arriba a arte coñecida naquel momento. Agora, alí, nese mesmo altar da creación Celso Varela nos amosa as súas paisaxes. Paisaxes da alma, paisaxes de Briallos.


Publicado en Diario de Pontevedra 19/04/2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada