sábado, 26 de marzo de 2011

Os fíos da memoria




Tan febles como fortes. Tan balsámicos como ferintes. Os fíos da memoria cando se moven poden deixar tras eles abertas imprevisibles ventás cara o noso interior. Xaime Toxo empeñouse en mover eses fíos, en xogar con eles nunha revisión persoal dunha xeración chea duns optimismos que se foron esnaquizando no camiño, chea tamén de boas vontades que foron pisoteadas por uns tempos que non entendían de compromisos nin de brindis ó sol. Os anos impoñíanse ás persoas, os ditados xurdidos das elites políticas miraban máis aló da liberdade ou a dignidade individual. Nesas décadas, e a carón do mar, eríxese un de tantos refuxios da memoria, un edén de sensacións, non sempre boas, non sempre agradables, pero imprescindibles todas elas para configurar a unha persoa e ó que é necesario ollar de cando en cando nunha sorte de expiación íntima.
O autor destas ‘palabras que move o mar’ tiña unha conta pendente con eses anos, anos nos que agromou a súa personalidade, nos que cun pé na area da praia e outro na rúa, contemplou o pasar de toda unha serie de transformacións que pouco entendían de sentimentos, de feridas na alma, de relacións entre persoas, de familias... aquilo que é o sustrato do cercano, daquel contorno de onde un é e tamén de onde quere ser, e no que só o vaivén do mar, a escuma que borra as letras escritas na area co seu arrolo rexenerador pode estar por riba de nós mesmos.
A través destas catro historias que aquí se narran todos eses fíos se moven co ritmo dunha inquedanza, dun poso amargo que soubo a doce nun instante pero ó que o tempo, cruel ingrediente da vida, foi quen de ir amargando entre enrruga e enrruga. Catro narracións nas que sempre se chega a un punto de ignición, a unha chave de paso que abre a luz da memoria nun punto clave do relato.
Todos somos memoria, do bo e do malo, deixala saír de cando en cando xa é cousa nosa. Xaime Toxo atreveuse a abrir esa xaula chea de pantasmas e deixar así que medos, recordos, temores, dores, amizades, amores, desilusións, feridas e cada unha desas pequenas cousas que se converten en vida, aparecesen polas ringleiras dun libro escrito a corazón aberto, que non defraudará a ninguén, porque cando a escrita xorde do eu máis íntimo acaba beliscando ó propio lector que se converte nun protagonista imprevisto das historias dun tempo xa pasado ó que o presente lle concede o seu significado.


Publicado en Diario de Pontevedra 25/03/2011
Fotografía da presentación no café Moderno do libro de Xaime Toxo, 'As palabras que move o mar'. (Rafa Estévez)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada