viernes, 25 de marzo de 2011

"Aínda está todo por facer"




Todo parece conterse nesa copa de albariño. Cores, aromas, sabores, pero tamén esencias dunha terra concentradas nun dos seus froitos máis senlleiros. O mesmo poderiamos dicir se estiveramos ante unha tortilla de patacas recollidas nunha leira de Lalín, ou ante un prato de bacalaos comidos no ‘Estrella’ como leva facendo estes días de estancia en Pontevedra o artista Antón Lamazares (Lalín, 1954). Esa copa de viño que acariña como se tratase dun néctar sagrado é o cálice da eterna xuventude, a síntese proustiana de sentirse cos pés na súa terra, esa á que honra coa súa pintura e que protagoniza cada unha das súas pezas: “o motor da miña pintura é a infancia, ti cando eres pequeno o que che preocupa son os sentimentos dos que te rodean, esas sorpresas da vida”, comenta o pintor mentras as campás do Santuario da Peregrina enchen de sonoridade un espazo como é a terraza do Carabela, co bulir da auga na súa fonte, e as pombas cos seus arrolos abríndolle as portas a unha primaveira que comeza a estourar entre as pedras de Pontevedra, dándolle por completo a razón ó discurso do artista.
Lonxe da súa terra é dende onde pinta Lamazares, nun Berlín no cal se sinte moi cómodo. «Necesito estar fóra de Galicia. Eu quero máis a Galicia dende fóra que dende aquí. Cando estou aquí síntome como un animal. Para querela necesito estar fóra. O porqué, non o sei. Quizás porque necesitas botar as cousas de menos», comenta o pintor mentres do albariño arrecende o valor dunha terra, terra que se traslada a súa pintura. «É unha pintura que tamén bota de menos a Galicia. Eu creo que son un pintor que coa miña pintura se ve que son galego, coido que eso é un plus. Encántame pensar que cando alguén ve un cadro meu que se acorde de Galicia, da súa terra. É a forma de cantar ós teus veciños, de ennoblecer esa carne que Deus che deu», afirma cheo de orgullo o pintor de Lalín ó cal lle preocupa cómo chegar a materializar esa expresión, esa profunda conceptualización dunha existencia. Entón é cando Antón Lamazares chega á poesía: «eu quero facer poesía cos meus cadros», proclama quen sabe da intensidade desa forma de expresión. «A min interésame todo o que teña que ver con expresividade, inocencia ou intuición». E para eso necesita ler poesía antes de poñerse a pintar, como necesita o papel do espectador para completar a obra: «o cincuenta por cento teno que poñer o espectador» o igual que sucede cando se le poesía. «Nadie regala nada», comentaba o luns no día da poesía Joan Margarit. Ler poesía require un esforzo para ó que esta sociedade ó mellor non esta preparada. «¡Ou que carallo!», exclama escéptico Lamazares. «Se o lector non pon, que se olvide. Se un vai ver unha exposición e non pon o ollo, o corazón, a súa mirada, non hai maneira de comunicarse».

‘Os bos’. Na procura de saber que poetas lle gustan a Antón Lamazares, volve a caer na súa especial retranca, aquela que tamén fixo famoso o seu inesquecible Laxeiro, ó que axudou en Pontevedra limpándolle os pinceis cando restauraba o seu mural do Café Moderno. A resposta lacónica: «os bos, a min gústanme os bos, nada máis». Pero o fiscal quere nomes e estes empezan a agromar nunha letanía de emocións: «temos un vivo afortunadamente que é amigo meu, mestre de mestres, Carlos Oroza. Pero que me dis de Luis Pimentel, un poetazo, o Cunqueiro de ‘herba de aquí, herba de acolá’, Manuel Antonio, Rosalía... dos vivos, Luis González Tosar, Luisa Castro, Fernán Vello, por dicirche algúns. Temos grandes poetas, tamén me gusta ler en catalán a Joan Margarit, do que falabamos antes, pero por suposto a Cernuda, Lorca; os clásicos, San Juan de la Cruz, Góngora, Garcilaso... tódolos días descubres algún poeta».
A poesía lévanos á outra gran materia á hora de achegarse ó seu traballo, esa loita do figurativo coa abstracción. Cabalos nos que subirse para facer pintura con idénticas consecuencias, aínda que con diferentes percepcións. A súa obra transcorre máis pola abstracción, abofé que por esa procura da poética na imaxe, da suxerencia máis que da evidencia, de captar sensacións máis que de amosar realidades. «Hai moita xente que non necesita imaxes, se ti miras á realidade, unha gran parte dela non ten que ver co que chamamos representativo. A arte é unha loita polo coñecemento da inmensa realidade que descoñecemos, unha parte dela é a figuración outra a abstracción», sentencia así un debate que a pintura xa rematou hai moito tempo.
Mirar cara atrás é sempre o bo e o malo deste tipo de exposicións retrospectivas ou antolóxicas, «Hai aspectos novos do meu traballo que se van ver nesta exposición, como obra en papel que nunca foi exposta. Gloria Moure, a comisaria, realizou unha escolma de pezas moi completa e interesante. Son moitos trinta anos, aínda que levo máis tempo pintando, dende o 1973. Estou moi contento como se está levando a exposición». Xa son moitos anos os que leva, como di el, ‘metendo os fuciños’ en moitos lados, esa experimentación é a que nos leva ata ó actual Antón Lamazares, un dos nosos máis recoñecidos pintores e que, como el mesmo di, «estou empezando a pintar, teño máis gañas de pintar que nunca».

Terapia. Que nos levaremos da exposición unha vez que a visitemos? «A min gustaríame que se a alguén lle doe a cabeza ou ten a gripe, que cando saia se lle marchase a dor de cabeza e lle pasase a gripe. A pintura cando é boa ten esas cualidades, pero ó espectador hai que darlle liberdade», comenta o artista incidindo no valor terapéutico da arte. Pero Antón Lamazares tamén terá a ocasión de volver a pasar diante das súas obras, daquelas feitas fai moitos anos, e tamén das máis recentes. Colocarase ante o mozo artista que tras pasar polos franciscanos, onde se coñeceu tanto a si mesmo, marchou a Nova York, e que grazas a unha Bolsa da Deputación de Pontevedra foi ata París, onde dende hai uns anos é aclamado como un dos nosos máis sobranceiros pintores e aínda máis se preguntamos fóra de Galicia. «Aprendes moito neste tipo de exposicións. Hai pezas que levas moito tempo sen velas, e un mesmo sorpréndese. Vendo como un volve sobre certas cousas, vas para diante, vas para atrás. Preocúpanme as mesmas cousas que me preocupaban ó principio, só que quero dicilas doutra maneira, penso que hoxe as podo dicir mellor, pero pensar é unha cousa e pintar outra», sopesa valorativamente ante ese momento cume da creación, cando o artista se debate entre o que quere e o que pode. Sobre se se atopa satisfeito tras o realizado ata agora, Antón Lamazares volve a sincerarse, a amosar o seu carácter franco e aberto: «como te vas a considerar satisfeito, sería unha mula se afirmase eso, aínda está todo por facer, e é o que quero, facelo mellor, neso consiste ser pintor, en poder contar todo aquelo que queres contar, e contalo mellor».


Publicado en Diario de Pontevedra 24-03-2011
Fotografía David Freire

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada