domingo, 16 de xaneiro de 2011

A cidade


Critiquemos o exponencial incremento do seu presuposto, ou o non terse definido aínda a funcionalidade dos diferentes edificios, pero deixemos de criticar algo que ten un nome tan fermoso como Cidade da Cultura. Agora, con todo a medio facer, cos cartos feitos arquitectura, deixemos de marear a perdiz co de se ten sentido ou non, e adiquemos o tempo a atopar a forma de facer rendible a inversión realizada e buscarlle un sentido ó conxunto que permita que Galicia potencie a súa faciana cultural. Faciana chea de posibilidades e de argumentos dende todos os eidos imaxinables, que permitirían converter esa cidade nun faro no alto dunha montaña alumeando as nosas mentes. É unha mágoa deixarnos os miolos durante todo este tempo en mirar para atrás, en pensar o que se tiña que ter feito e non se fixo, en empezoñar a palabra cultura co lastre da política, en facer demagoxias sobre o destino que podían ter eses cartos (supoño que imaxinando que se adicasen a temas culturais), en dicir que unha arquitectura deste tipo procede doutro tempo sen pensar que a boa arquitectura é intemporal, e que encher ese espazo co maxín dos nosos creadores será o verdadeiro potencial dun polo de atracción para as xentes do exterior que virán a Galicia, ademais de para ver vales verdes, mares embravecidos, comer marisco e rezar ó Apóstolo, palpar o orgullo dun pobo por unha cultura feita cidade.


Publicado en Diario de Pontevedra 15/01/2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario