lunes, 15 de noviembre de 2010

Bágoas



Un mar cheo de furia levou todo aquilo no que aquel home cría. Aquelas esculturas foron a súa teima, a súa forma de relacionarse co mundo e de seguir entre nós. Formas que xurdían do mar, rendíndolle culto nunha sorte de panteísmo xurdido quen sabe de onde. Aquel saco de osos viviu pegado ó mar, mergullándose nel e formando parte dunha mesma esencia. Todo ó seu arredor era mar e o mar axudáballe de xeito inconsciente, cedéndolle inspiración e materiais. O esquecemento, tras unha morte entre arrecendos a fuel e pegadas de chapapote fixo que a obra de Man de Camelle, o traballo de toda unha vida, non tivese máis apoio co duns poucos defensores dunha obra que agora xa é historia. Cando o mar bateu contra o seu legado renovou esa simbiose participando da que é a súa última peza, a devolución ó mar daquilo do que se serviu durante anos. Como as contas dun colar, aquelas pedras foron mergullándose no mar como se fosen bágoas cada vez máis salgadas, cada vez máis cheas dunha tristura que agora xa é fonda emoción. Esas bágoas permanecerán alí agochadas no fondo do mar, nunha escura profundidade que si saberá protexer o que nós non fomos quen de facer. Varadas entre a area as súas pedriñas e cunchas, cos seus caprichosos perfís, obterán o descanso definitivo dende a afirmación do seu senso, o dunha natureza con vontade de eternidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada